Amosando publicacións coa etiqueta lecturas. Amosar todas as publicacións

Lecturas de 2016 (II)


Non poido deixar ir o ano sen pechar as miñas lecturas de 2016 (bota un ollo aquí á primeira parte da lista). Dende que naceu Julián non abrín un só libro, pero penso que, con 17 lidos ata agora, me acheguei bastante ao meu obxectivo de 20 libros este ano. Tendo en conta a pedazo tarefa de coidar dunha persoa nova, non me parece que o fixese tan mal! :D

Lembra que podes seguir todas as miñas lecturas en Goodreads.

Na feira do libro (2016)


Pasear pola feira do libro de Vigo na procura de novas lecturas para o verán é unha tradición que me encanta. Todos os anos caen un par de volumes, mínimo, e sempre un libro ilustrado (unha debilidade miña). É unha mágoa, iso si,  que cada ano a feira sexa máis pequena e haxa menos información sobre ela. Se cadra faille falta unha voltiña innovadora para chegar máis e mellor á xente.

Lecturas de 2016 (I)


Xuño vai tocando á súa fin e, como fixen o ano pasado, recopilo as lecturas que levo no que vai de ano. Non son moitas, pero espero ler máis agora que xa rematei as Crónicas! O tempo heino encher igual, pero terei menos escusa, iso seguro.

Lembra que podes seguir todas as miñas lecturas en Goodreads.

Lecturas de 2015 (II) - E resultado do sorteo!


Feliz ano! 

Xa estou de volta a bloguear (despois dun moi bo descanso, todo seña dito) e comezo o ano cos últimos libros que lin en 2015 (velaquí a parte I) e o resultado do sorteo, claro, máis abaixo.

Lecturas de 2015 (I)




Cando me vou acordando, actualizo o meu perfil de Shelfari coas lecturas que vou rematando ou descubrindo. Como xa vai aló mesmo máis de medio ano, velaquí o reconto do que levo lido ata o momento, por orde cronolóxica de lectura.

Feliz día do libro!

Incredible Book Eating Boy, de Oliver Jeffers

Así comades libros como se vos limitades a lelos, hoxe será un bo día para vós. 

Gustaríame que todos os días fosen o día do libro e gustaríame poder ler todo canto quero. 
Se cadra sería máis fácil se puidese tragar os libros, pero prefíroo difícil.

The Man Who Rained


–Como vou estar namorada? Vimos de coñecernos. Nin sequera se me ocorre como... se... podería achegarme a el.
Dot tiña os ollos entrepechados.
–Mírao así: unha das cousas terroríficas da miña vida é que me pertence a min. Nunca se viviu antes, nin se volverá a vivir. Cada segundo é unha posesión nova.
–Volve a falar con xeroglíficos.
–E ti volves a non contestar a pregunta.
–Que pregunta?
–Estás namorada del?
–Pódese demostrar que o amor non é máis ca unhas substancias químicas e mais electricidade no cerebro.
–Claro que se pode, pero iso non che axuda a te enfrontar ao amor. Estás namorada del?
–E se non podo responder?
Dot encolleuse de ombros.
–Pérdete, Elsa. É o mellor consello que che han poder dar, e teño a sensación de que o teu pai estaría de acordo. Agora, marcha.

Ultimamente // Libros e orgullo friki


Vou intentar remediar a deixadez á que teño sometido a este bloguiño meu con estas notas de actualización, por chamarlles dalgunha forma.

Ás veces non hai moito que contar, e falar seguido de traballo, sexa o que paga as facturas ou o que alegra o día, acaba por cargar a caixa. Tampouco quero desbarrar cos plans e ideas que me pululan libremente pola cabeza: disque se se confesan os propósitos diminúen as posibilidades de logralos, así que canto máis queden en petit comité, máis factibles me parecerán... se cadra.

Entre as cousas que andan pasando están as Feiras do Libro, das que sempre vos conto. A principios de mes pasei pola de Santiago e non puiden evitar unhas cantas compras, incluído este marabilloso libro de Miguelanxo Prado, Ardalén, que devorei entusiasmada. Este luns achegueime á feira de Vigo á presentación de Recinto Gris, de Ledicia Costas. O acto foi un encontro moi ameno, a modo de diálogo entre a autora e Marcos Calveiro. E non merquei nada. Igual ata me estou rehabilitando...

Ultimamente // Feliz día do libro!

Vergonza me debía dar pensar canto hai que non actualizo... Pero tampouco me dá tanta, non vaiades pensar.

É difícil sentirse mal cando o tempo está aproveitado. Podía estar máis aproveitado? Claro que si, pero ver o número de páxinas da segunda parte das miñas "croniquiñas" medrar é un sentimento demasiado positivo como para enmerdalo (con perdón pola expresión) cunha perda de tempo tan grande como sentirse mal.

En resumo, niso veñen pasando os meus días ultimamente (despois de traballar, antes de saír as findes, enténdaseme): en escribir.

Outras cousas que ando facendo... Pois aprender a esculpir en arxila polimérica, correr e ler.

En arxila saiume ese raposiño porta-aneis que vedes na foto. E está sentado sobre a miña última lectura, unha recomendación dunha amiga que, polo que estou vendo, atinou de cheo! ;)

O resto das lecturas pendentes están na estantería vertical do salón, canda outras lecturas rematadas (o meu criterio de orde nos libros é un tanto peculiar... pero é orde, prométoo). Por aquilo de que é o día do libro (feliz día do libro!!), déixovos uns retratos desa estantería. Entre as últimas adquisicións, City of Ember, The Book Thief e un que non sae porque está onda os "libros xoia", The Bird King, unha marabilla máis de Shaun Tan.

E vós, que estades lendo? Se a resposta é "nada" ou "non sei que ler", pensade que hoxe é o día ideal para buscar esas páxinas que vos están agardando!