A noite previa á segunda xornada de investigación, tiven soños estrañamente reais que caeron da cama, facendo regos de dúbidas no chan. Vin ás bailarinas baixo os focos, vin a silueta de tiza bailando unha e outra vez, vinme a min, de súpeto dalgún xeito responsable delas, cunha rede ao pé do escenario. E, mesmo esperta, non quero que caia ningunha máis.
A primeira bailarina que falou comigo riu, apartou uns cabelos da fronte e dixo que non sabía nada. Véndoa falar e rir, quedoume claro que era certo.
A segunda bailarina que falou comigo chamábase Amanda. Pola súa ollada souben que nunca lle sobraría o n no nome. Levoume ao seu apartamento, a carón do cabaret, e fíxome un té.
Contoume tantas cousas que gastei o lapis. Ela tiña máis, e deixoume un feixe deles por se acaso.