Fotos

Foto: Sabela - Vigo, febreiro de 2011

contigo decateime de que eu non era dixital
na era dixital
e só ti podías darme corda

sen ti, velaríanseme os carretes a escuras,
sobreexpoñeríanseme os ollos á noite

pero estas aí,
e as fotos saen máis bonitas ca nunca
mesmo en rúas difíciles
mesmo en días pintados
reveladas en papel mate de apertas

as que nos demos,
as miles que nos quedan por dar.



Carrapuchiña está farta


Carrapuchiña corre que se mata, carreiro adiante, visiblemente enfadada.
Non sabe que é peor: que logo vaian dicir que andaba parándose coller flores ou que o lobo prefira comer á avoa primeiro. Acaso non sería máis lóxico, pregúntase, paparme a min, papar o da cesta e logo ir con calma papar á avoa?
Para colmo de males, a historia non cambia. Todos os días igual. “Que orellas máis grandes tes!”, terá que dicirlle, para logo escoitar “son para oírte mellor”. Si, home, si. Así, medran dun día para outro. Ai, pensa, se Darwin levantara a cabeza…

Udon


No fondo da cunca, un último fideo afogaba no caldo, desafiándoo, marcando a fin da pausa de comer. Observouno atentamente, como agardando que se esfarelase no líquido por si só; estralaría sonoramente e deixaría agromar na súa lene superficie flores de perfecto branco. A flor da cerdeira.
O fideo non agromou. Pendurouno no ar cos paus e, cando o comeu, comeuse a si mesmo.

O tráfico de Tokio apertoulle o nó da gravata e o aire acondicionado da oficina secoulle as bágoas todas, mesmo as que reservara para algún momento de felicidade no futuro.
Aquel cubículo era o seu futuro.
Yoshiro, sentímolo moito, pero imos ter que prescindir dos teus servizos de agora en diante.
Din servizos, pero é traballo. Digo traballo, pero é vida. Cando apartaches do camiño a persoas, soños e motivos polos que loitar, a silla xiratoria do cubículo é o teu fogar. Yoshiro, se ti só es o teu traballo, que es agora?

Pendurou a corda branca, un fideo máis, un último fideo afogando na pesada escuridade do apartamento. Dunha patada, a cadeira caeu en horizontal sobre o chan. Á súa nai dixéronlle que na corda había unha flor branca. Se cadra ese fideo si agromaba coma as cerdeiras.