Na feira do libro (2016)


Pasear pola feira do libro de Vigo na procura de novas lecturas para o verán é unha tradición que me encanta. Todos os anos caen un par de volumes, mínimo, e sempre un libro ilustrado (unha debilidade miña). É unha mágoa, iso si,  que cada ano a feira sexa máis pequena e haxa menos información sobre ela. Se cadra faille falta unha voltiña innovadora para chegar máis e mellor á xente.

En fin, eu seguirei dando un paseíño por ela todos os anos con ganas de atopar lecturas coma as deste ano:

Bandada é un álbum ilustrado gañador do Premio Compostela no 2012. Aínda que a historia non está mal, decidinme por el polas súas ilustracións de aves humanoides, realmente preciosas.

En Cartabón recomendáronme a primeira novela de Ramón Nicolás, O espello do mundo. O nome soaravos do blog Caderno da Crítica, un punto de información literaria galega indispensable. Se cadra non facía falta que o libreiro mo puxese polas nubes, ía xa con ganiñas del, pero foi o empurrón definitivo para levalo. Xa vos contarei que tal.

Tamén en Cartabón collín o novo de Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, gañador do Lazarillo 2015. Ten unha pintaza, verdade?

Para a próxima recapitulación de lecturas xa vos conto destas dúas novelas.

Quedei coas ganas de levar este atlas ilustrado, pero engadino á lista de agasallos para o cumple, non vaia ser :)

Ningún comentario

Cóntame!