O baúl

Ela regaloume un agarimo e metino nun baúl.
É un baúl de letras que raspan as mans ao rebuscar,
pero as feridas logo non proen nin doen,
semellan sopros, aloumiños, bicos tenros.
De súpeto,
botei de menos envolverme en sabas de apertas,
durmir en puzzles, rir sobre a escuma dunha caña ao sol.
Se cadra,
no fondo do baúl quedara algún bico tenro para lembralo.
Busquei entre as letras ata atopalo.
Co b
fixen un caramelo,
co i

prendín unha candea,
co c e co o
montei unha cunca.
A tenrura foi entón fume de café quente
e vinte nas ondas coma un espellismo.
Saudei coma man e sorrín,
pero non me viches.

De súpeto,
botei de menos envolverme en edredóns de bicos,
Se cadra,
xa non me ves.




As miñas ideas


Uns días revólvense as ideas e outros póñense en fila e agardan o seu turno.



Deixei correr a auga da ducha mentres lavaba os dentes e o espello amosoume unha caixa torácica baleira.
Sei que non está baleira, díxenlle, amósame a cabeza.
Na superficie cristalina reflectíronse rostros, lugares, un remuíño de elementos indescritibles na miña fronte. Unha desorde aterradora, un novo caderno mental de historias, pensamentos e problemas esaxerados. Abaneei a cabeza con pesar e metinme na ducha.
Por que o fas?, díxome tras a cortina. Por que lle das voltas a todo?
Non o poido evitar, respondinlle á miña personaxe, non poido evitar pensar!
Xa somos moitos aquí dentro, sabes? E se temos que enfrontarnos tamén aos teus problemas e loitar polos teus desexos non imos dar feito.
Asomei a cabeza chea de escuma pola cortina. Mirábame dende o bidé, sentada. Era estrañamente semellante a min, pero máis dereita, ben peinada, sen bolsas baixo os ollos. Espreitábame agardando unha resposta que non me deu tempo a dar.