Un león


Dáseme fatal dicir que non.

Tampouco vaiades pensar mal, pero é que ás veces me piden cousas ás que non se pode dicir non!
Iso si, co tempo, reducín embolaos, que xa me chega coas miñas cousas varias, e digo que non máis a miúdo.

Pero a isto non. A isto non se pode!

Este é o making of dunha ilustracionciña para o cuarto dun bebé guapo-guapo coma un sol. E unha oportunidade de facer caralladas co InDesign de novo!
Algún día aprenderei Illustrator e todo será máis fácil e artístico, hehe.

Por agora, esta é a miña última aventura cos vectores.

Mira, mira, ven

Nos seus beizos, non son ordes.
Son descubrimentos. Son soños.
E eles,
eles non son ilusos nin inxenuos.

Nos nosos ollos, os seus achádegos non deberían ser algo ordinario.
Deberían ser novas visións. Deberían ser ideas.
Porque nós,
non somos máis listos nin máis persoas.

Pobre do adulto que non mire,
que non vaia.
Pobre de quen non colla a un neno da man e abra os ollos tanto coma el.
Pobre de quen non siga a unha meniña e se anique para ver coma ve ela.

Ai! Coitada xente metálica, de miolo enferruxado
e cego corazón!



A fin do mundo

 
Gústame a fin do mundo
todas as fins do mundo

onde a terra se esquece no amplo mar
onde o vento bate ominoso e violento
onde  cremos saber que non remata todo
porque así nolo dixeron
e porque o vimos nun mapa.

Gústanme as fins do mundo
porque son poéticas.

Pero esta, esta gústame máis ca ningunha.

Porque nela acaba o mundo
e porque
nela
comeza

o futuro.