Click!

Douche un suspiro nun cofre para que lembres a miña pel.

Douche unha ollada nunha botella para que bebas os meus beizos.
(Pero débesme unha lingua que rompa silencios e un sorriso que me fabrique outra foto dunha nube coma esta) 

A última noite

Sabedores do distanciamento, mirámonos con ollos tenros en silencio. O mundo evaporouse nun remuíño de nubes nocturnas coma se fose un debuxo animado. Xuraría que nun momento chegamos a dar voltas no centro da praza, esvarando en círculos sobre a pedra mollada. Aquela aperta durou meses; o bico de decisión para irmos á casa, semanas.

Camiñamos collidos da man, con olladas de esgueira trastes e inventoras, con moitos silencios e as verbas ben pensadas.

Camiñamos deslizándonos polos pasos de cebra sen mover os pés, coma nun efecto especial pouco logrado, fotograma a fotograma, coma se fosemos polo aire, coas cores difuminadas, nunha película con grao e po. Como a cinta era vella, ás veces a imaxe escorábase e tiñámonos que agarrar para non caer dela. Rimos ata que nos doeu a barriga e confundimos o riso con fame.