Fadas


Houbo unha vez un príncipe que vivía nun castelo ao pé do mar. Pódelo imaxinar coma un príncipe azul loiro vestido de prata e ouro, pero en realidade non era así. Eu imaxínoo castaño e sorrinte, falangueiro e ben vestido, coas apertas fáciles e os bicos lixeiros.

Un día, atopou unha fada nun narciso do xardín. Falaron e riron e deron voltas pola herba. Deron en verse tódolos días e quedaron en xogar con rosas vermellas e pingas de choiva.

Pero os príncipes e as fadas non poden adicarse só a xogar. Ao príncipe comezou a medrarlle a cabeza e a inflárselle os miolos de cousas que pensar, a fada tivo que facer as maletas e voar.

As pombas mensaxeiras non abondaban, e doíalles todo coma se as rosas das que falaran lles chantasen as espiñas no estómago. E un día, a cabeza hinchada do príncipe fixo "pum". Abréuselle un furadiño ao pé da tempa, escaparon dous pensamentos e entraron catro máis.