Do verán e os seus desaxustes


É moi fácil despistarse no verán. Sobre todo se se colle unha semaniña de vacacións e se desconecta unha do mundo. Máis aínda se unha vén de lle enviar ao seu editor o borrador final do peche da súa triloxía e sabe que se merece facer o manatí na piscina da súa irmá, lonxe de ordenadores e sen mover unha soa neurona.

Agora, xa de volta á realidade, toca ir collendo proxectos pouco a pouco, dándolle forma a esas ideas que levan tempo devecendo por saír e cumprindo coas obrigas habituais.

Para facelo, que mellor que ese adianto de regalo de cumpleanos que me fixeron a irmá e familia: a versión ilustrada do Harry Potter & the Philosopher's Stone, mercado, ademais, en Londres e, inda por riba, en Leadenhall Market (o Diagon Alley do mundo real, people!). Beluka feliz :)

Se me permitides, vou seguir despistándome un chisco... Poida que mesmo salga algo bon de tan pouco pensar. Feliz verán!

Na feira do libro (2016)


Pasear pola feira do libro de Vigo na procura de novas lecturas para o verán é unha tradición que me encanta. Todos os anos caen un par de volumes, mínimo, e sempre un libro ilustrado (unha debilidade miña). É unha mágoa, iso si,  que cada ano a feira sexa máis pequena e haxa menos información sobre ela. Se cadra faille falta unha voltiña innovadora para chegar máis e mellor á xente.