Ola! Son Sabela e este é o meu blog.

Nacín o mesmo día que a MTV e tres antes que Fernando Alonso, en Burela, aínda que daquela nos ían nacer a Lugo. Gústame dicir que son de Cervo dende que a miña familia se mudou alí pero, dende hai xa abondo anos, son viguesa de adopción.

O que máis me gusta do mundo é escribir e debuxar, e espero que algún día me poida dedicar a facelo a todas horas.

Neste blog atoparás, sobre todo, poemasrelatos e ilustracións.

Podes ler máis sobre a triloxía que escribín, con entrevistas e todo, nesta páxina.



MÁIS COUSAS

Gústame ler, cociñar, saír cos amigos, sacar fotos, xogar a videoxogos, ver series, aprender idiomas, facer manualidades, ler blogs e buscar historias.

Todo iso que me gusta téñoo bastante aparcado dende que apareceron na miña vida, primeiro, Julián e, dous anos máis tarde, Vera. Pero eles tamén me gustan moito :)

Aos 18 fun en tren por primeira vez. Tamén volvín a ir en ascensor despois de moito, moito tempo. Agora, mesmo vou todos os días.

Non me gusta a xente que di Red Hot Chili "Pípers". E outras cousas, pero esa está no top five.

Cando era pequena pensaba que a "purga de Benito" era unha pulga andaluza.

A unidade mínima de chocolate é a fila. Unha onza non é nada. Nada.

Gústame ir descalza. E espida tamén, pero o primeiro está mellor visto socialmente.

Cústame moitísimo recoñecer á xente cando levan gafas de sol. Non o tomes a mal se as levas e non te saúdo.

O meu five-year-plan inclúe volverme vivir ao campo. Despois de vivir unha pseudoapocalipse case teño máis esperanza, e todo.

Mentres tanto, espero poder aprender a facer pan, coser e calcetar. E amarujarme correctamente.

LÉMONOS?

Se tes algunha pregunta, dúbida, suxestión ou comentario, estarei encantada de lerte. Podes escribirme a info[arroba]sabelagonzalez[punto]com ou visitarme en instagram, por exemplo.


SABES QUE?

Este blog vén de lonxe. Nel, hai entradas escollidas que viñeron comigo para esta nova versión, pero os orixinais aínda se poden visitar na rede. Todo comezou con O Café das Letras (2005-2009) e seguiu coa Gramática de Corpos orixinal (2009-2014), da cal este blog que visitas é unha continuación recodificada, por chamarlle dalgún xeito.