Bo Nadal!

Coma quen non quere a cousa, marcho de vacacións de Nadal despois duns meses de blog maltratado.
 Gustaríame ter máis poemas e ilustracións cos que encher este recuncho meu, pero os quefaceres diarios e os compromisos escritoriles gañan na lista de prioridades.

Iso si, estes días din sacado algún momentiño para preparar os agasallos de Nadal da familia: aí vos deixo os materiais cos que estiven fedellando: tinta en degradados verdes, selos tipográficos e de adorniños, cinta washi navideña e o cordeliño que tanto me gusta. Aínda quedan cousas por envolver para levar a Cervo mañá, pero é que para min é un gustazo ver que todo está bonitiño e que aos agasallados lles gusta.

Venecia

Velaquí a última entrega das fotos da nosa viaxe:

A última parada en Italia da lúa de mel, despois de Florencia, foi Venecia.

Collimos tamén un tren e chegamos á illa polo que chaman a Via Libertà: unha ponte longuísima que só é carrís para coches e a vía do tren... ver ás gaivotas voar sobre o tren era un momentazo-zelda-spirit-tracks tremendo.

Frikismos aparte, chegar á cidade e cambiar as rúas con coches por canais con lanchas de góndolas fai que escape un sorriso. Ademais, en outono, parece que a cidade é ben máis agradable, aínda que a marea estea alta grande parte do tempo (e, en consecuencia, algunhas partes anegadas). Faise de noite cedo e a iluminación non é moi abundante, pero esta vila ben merece uns bos paseos.

Para min foi máis que inspiradora, coa súa atmósfera grisenta, coma Santiago na choiva, coas súas curiosidades coma tiradas dun conto e esa sensación de irrealidade. Ata o último día, o clima acompañounos e, malia o frescor do outono que xa se deixaba notar, disfrutamos de cada minuto da viaxe.

Florencia

E sigo coas fotos da viaxe! Xa sei que os contidos do blog están frivolizándose (que tampouco me quita o sono, se vos digo a verdade), pero haivos moito choio e sei duns cantos que prefiren que colgue fotos a esgalla pero que lle dea duro a iso de escribir :) En fin, sigo contando:

Na nosa lúa de mel, despois de visitar Roma, collimos un tren á belísima Florencia, onde pasamos dúas noites.

A cidade en si é preciosa, os monumentos están por todas partes e só camiñar pola zona do río xa é un pracer. O máis impresionante: a catedral. Para entrar nela hai que facer una cola de mil demos, e como o tempo non sobraba, tivemos que deixar pasar a oportunidade. Iso si, dende fóra, xa deixa a mandíbula frouxa!

Velaquí tedes unhas cantas fotos (si, estoume aficionando aos filtros, que lle vou facer). Espero que vos gusten!

O procurador de OVNIs



Xa está na rúa a Dot:52 e nela unha nova ilustración miña e un novo texto de Sergio (que ten un blog tamén, botádelle un ollo!).

Desta volta a idea foi sinxela de captar e imaxinar, pero o habitual formato horizontal toleoume uns cantos días. Ao final, decidín ceder ao que se reflectía nos meus miolos e tirar ao vertical, estreitiño, para que coubera o texto.