Noite de monstros

E acaso non é estraño que ti, humana, teñas esa longa pranta medrándoche do cránio?

Mecanismos

Vía Décalage


Ocultos tras o papel cebola da miña pel
viran mecanismos metálicos
flúen fíos e cables
imitando arterias e veas
na superficie
branca e fráxil, curtida e forte.

Son os lunares faíscas de aluminio
liberadas nun arranque forzado
tirándome do aire
neste motor de explosión
que teño por peito

nestas bielas que tanto refungan
nesta árbore de levas que tan ben baila
nestas buxías que se me acenden nas meixelas
cando a corda llela das ti.

Choutar nas pozas

Vía Décalage

Fóra
vai frío
e venta
e chove
e faise noite axiña.

E a maioría dos días
prefiro quedar dentro,
baixo unha manta,
baixo unha lámpada,
baixo un libro.

Pero hoxe,
hoxe e todos os días que non son a maioría,
quero saír fóra
e choutar nas pozas.

Marcela

Obra de Maruja Mallo


Marcela corre cos pés de chumbo e o corazón de pedra.

Marcela sempre corre e esvara e cae e máncase máis adentro de onde doe.

Ai, Marcela.


Hai medo en todas as chamadas,

hai bágoas onde debería haber palabras pero,
co tempo, das en crer que
se pensas en todo o malo que pode acontecer
evitarás que suceda.

Non funciona así, Marcela,
e nunca vas durmir tranquila.

Marcela corre cos pés de laios e o corazón ateigado.

Se nin sequera lle queres, deixa de pensar na súa morte.

Se non queres estar cando esperte,
deixa de chorar porque durma.

Ai, Marcela.

Fuxida - versión 2.0

Imaxe inspiradora via Décalage

Ondea o teu gabán no outono que atravesas,
ceibe, plena, estourante,
e vóanche finos cabelos a gargalladas.

El agarda
nun barco de principios de século,
nun andén aló polos anos 50,
na barra dun bar de madrugada.

Trémenche os dedos, parvos.
Báilache o estómago, lelo.
Mesmo se o viches...
[cando?]
Hai nada!

Pero sabes
el agarda
e sorrirá ao entrares na sala,
mesmo se o viches
[cando?]
hai nada.

Pero non hai tempo longo nin curto para estar sen el.
Pero non hai máis que apertas baleiras devecentes de se encher del.
Pero ti corres,
el agarda,
randeeira no horizonte,
randeeiras no corazón.

Preguiciña

Imaxe de NationalGeographicStock


 Preguiciña,
pon o día ás costas coa boca ben aberta.

Preguiciña,
quita as imaxes da noite sorbendo forte o mencer.

Preguiciña,
preguiceira,
soñadora de moles páxinas de felicidade
di,
berra con forza:
"non é preguiza, paspáns!
é sono,
nada máis!"




Fuxida - versión 1.0

Imaxe inspiradora via Décalage

Non hai piano abondo ominoso
para narrar a túa fuxida.

Preciso violíns rechiando,
bombos latexando,
voces de coro infantil co máis profundo laio.

Pechaches a porta a modiño
e os ollos dun golpe
para correr no frío,
na soidade,
para correr cega de bágoas
sen ver os teus pés.

Son eses, 
os que aboian sobre a grava,
os que impactan no mundo,
os que tropezan cedo

por fuxires tarde e sen música,
por non correres dabondo,
coma el.

París: Día 4

Día 4 e último! Cundeu, verdade? Despois de paseos durante un, dous e tres días, ao cuarto tocaban museus. Fallo de planificación: era luns, e o Musée d'Orsay, o que máis me apetecía ver, pecha os luns. En fin, xa volveremos. Desta volta, tocou só Louvre.

A Victoria de Samotracia - Foto AST
 
Por se non o sabedes (pero se sodes listiños xa o sabedes), ir a un museu a velo todo é imposible, cansado e, en resumo, unha tontería.

Felicidades!

 Nun banco coma ese, dentro doutros trinta e tres anos, ou máis, ou durante todos os días de todos os anos, sentiríame coma na mansión máis grande do mundo, sempre e cando sentes ao meu carón.

Hoxe, que saen exércitos e xente con bandeiras ás rúas da capital e que o importante é que nós non temos que traballar é un bo día para festexarte. Coma todos, pero hoxe, oficialmente, exclamo:


Felicidades, meu amor!



París: Día 3

Vistes xa que fixemos o primeiro día e o segundo? Non queredes ideas? Vede logo!

Aquí xa imos pola terceira xornada de pateo e esta comeza nas illas do Sena: Île de la Cité e Île Saint Louis. Molan. Punto. Que non mola? As colas. E en Notre Dame, igrexa gótica que non hai que deixar de ver, aínda que sexa por fóra, había cola para repartir.

Notre Dame (un lateral, para variar do habitual) - Foto Sabela González
 
Había unha cola modo disneylandia para entrar ver a catedral por dentro. Había unha cola modo portaventura para subir á torre. E si, a torre e a balconada están xenial, hai que velo, coas gárgolas oteando a cidade nunha preciosa panorámica, pero dúas horas de cola (mínimo!) nós non as facemos por nada, sentíndoo moito.

Así que tiramos a pasear polas illas, encantounos a pequena, St. Louis, curriña e acolledora, e dela cruzamos ao sur para ir ver o Quartier Latin, o barrio latino.

Lobo negro, lobo branco

Lobo negro, lobo branco - Sabela González, Dot: 45

Contoume Sergio que hai unha lenda que di que dentro de cada un de nós hai dous lobos: un lobo negro, que simboliza o negativo, e un lobo branco, que simboliza o positivo. Un ying e un yang, a dualidade maniqueísta habitual.
Pero coa historia dos lobos gustoume máis: o ser humano debe decidir a que lobo alimentar e este será o que guíe os seus actos inconscientes. Ou algo así.

París: Día 2

Non hai descanso! Vistas as rutas do día 1, seguimos co día 2!

A visita comezou no Arco do Triunfo. Está nunha rotonda inmensa con amplas avenidas.

Arco do Triunfo - Foto AST

Comando incorrecto

Aí, onde apretas, non responden os comandos.

Baleiróuseme a sintaxe
e tamén os frascos de pena.

Cando pasa,
só respiro e,
ás agochadas,
xunto feridas nun libro de recortes,
páxinas eslagañadas de sangue seco
que agardan mercromina.

Aquí, onde me apertas, volve fluír o sorriso.

Énchenseme os músculos
e tamén os botes de bicos.

Cando pasa,
respiramos xuntos e,
á luz do día,
rachamos as páxinas de feridas
para facer un collage de soños.