Maio en fotos

Non vou mencionar o tempo. Media fina, media gorda. Abrigo peludo, cazadora de choiva. Camiseta e punto, sacar xerseis da caixa. Ou si. Hala. Vaia tempo noxento! Que non vai haber verán? Bueno, podería ser peor. Pero é que non hai nin primavera, carallo! En fin, maio non estivo tan mal, mesmo parece que para esta finde nos vai dar tregua. Tamén deu para paseos e deu para unha finde de ponte en León moi ben aproveitada. E para algunhas fotos! Aí van unhas poucas!

Coliseo

Coliseo - Sabela González, Dot:49
 Desta volta, Sergio pasoume a primeira versión do texto con abondo tempo e puiden debuxar con certa calma. Tinta, escaneo en modo puzzle (o A3 non cabe enteiro, pero non se nota tanto, ou?) e pintado no Photoshop. Hai dúas versións de escudo... a ver cal queda mellor!

Aforro dicir que lle botedes un ollo á web, á revista e ao boletín? Non o creo...

Nuns días, nos puntos habituais, a nova Dot... con esta ilustración miña, claro :)

Choiva

Pecho os ollos e pérdense os sons da miña mente. Sigo oíndo a choiva caer, pero os coches que facían saltar a auga da carretera xa calaron. A choiva nunca cala. Fala cos cristais dos edificios, conversa cos escaparates, pégalle aos paraugas que a intentan evitar.

Enfádase. A choiva enfádase porque ninguén lle fai caso. I eu doulle a razón. Pecho os ollos e converso con ela, falamos da soidade, falamos dos demais, falamos porque ninguén sabe o que dicimos. Quero apertala, pero ela cae sobre min desfeita, báteme nas palmas das mans, abertas cara a ela, cara ao ceo que morre de envexa ao vernos.

Ven




Non hai noite máis longa ca esta.
Mesmo sen choiva,
mesmo sen tronos,
mesmo se amence e fuxe a lúa
esta noite será tan inmensamente longa
coma o baleiro desta cama,
esta fraga inabarcable, espida,
sen a túa pel, comigo,
sen o teu corpo, co meu.

Quero



Na profundidade dun peito
loito e latexo.

Quero sentir o gromo,
canto antes,
mais perdo folgos e pido,
en silencio,
que uses a túa visión de raios x
na miña fronte,
que te tornes Kitty Pryde
contra as miñas costelas.

Le, entre os labirintos da miña mente
regálame, regálate,
e fagamos que estouren os cránios máis duros
coas mans prendidas
e os beizos ocupados.



Feliz día das letras! :)

Remakes

Hai tantas cousas que pensei que lembraría vivamente
que non me molestei en gravalas a ferro nos miolos.
Síntoas coma o comezo dun libro,
esas liñas estrañas nas que me perdo irremediablemente
antes de dar coñecido aos meus compañeiros de viaxe.
Seméntanse dúbidas nos recordos,
fanse ficción,
e pregúntome en que quedarán,
co tempo,
cos remendos.

Un novo debuxo

Gústame moito debuxar con raias finiñas, supoño que vos daríades conta. Tamén me gusta facer probas de anatomía (unha nunca practica abondo a anatomía) así que me propuxen facer unha serie que comeza co debuxo que vos traio hoxe. Espero que vos guste!



Medran edificios



En Vigo, medran edificios.
Deles saen cámaras e faldriqueiras,
herrs,
gentlemans,
e,
supoño,
tamén
señoras.

Abril en fotos

Un mes máis fotografiado. Un mes de propósitos, tamén: propúxenme mover o cu e, polo de agora, estouno cumprindo. Axudou ese bo tempiño que tivemos, a pesar do refresque posterior que esperemos que traia unha boa primavera! Polo de agora, a primavera veu cargada de polen. Maldita. Pensando en positivo, que hai mellor que comezar un mes cun festivo que cae a metade de semana? Feliz semanus interruptus! Feliz día do traballo!