Lecturas de 2015 (II) - E resultado do sorteo!


Feliz ano! 

Xa estou de volta a bloguear (despois dun moi bo descanso, todo seña dito) e comezo o ano cos últimos libros que lin en 2015 (velaquí a parte I) e o resultado do sorteo, claro, máis abaixo.

Este ano pasado non puiden ler tanto como me tería gustado. Non vou dicir que non tiven tempo, aínda que o pense un chisco, porque realmente o tempo témolo todas e todos, só que o empregamos para outras cousas. A maioría desas cousas foron traballo (todos os traballos que me ocupan as horas). Outras, obviamente, non.

Así que este 2016 espero adicar esas horas algo mellor e ler máis. En Goodreads apunteime ao reto con 20 libros para o ano. Veremos como se dá!

Sen máis dilación, o resto das miñas lecturas de 2015:


Good Omens, Neil Gaiman & Terry Pratchett
Gaiman. Sip. Outra vez. E Pratchett. Malditos xenios...
Unha historia divertidísima, fantasía adulta e mordaz sobre a fin do mundo. Unha lectura xenial.
Eu lino en inglés e a verdade é que me pareceu un libro complexo, pero tedes por aí a tradución, alomenos a castelán (baixo o título de Buenos presagios). E o señor Terry Pratchett (D.E.P.) pasa á miña lista de lecturas obrigatorias, coa primeira novela do Mundodisco en camiño ;).

1984, George Orwell
Aínda non o lera. Vergonza me tiña que dar! E daba, así que o lin. Na foto vedes dúas edicións distintas. Comecei lendo a da miña nai que, de feito, está mercada en 1984 e iso mola, pero a tradución non me convencía, así que collín unha edición de peto (ademais, o Fraco e eu chegamos á conclusión de que deste libro había que ter unha copia propia na casa, sen roubarlla a proxenitor ningún). A nova edición convenceume un pouco máis, e trae textos de apoio para a escola que non dan puntada sen fío.
Contado o rollo, direivos que me gustou, e moito. Dá que pensar que siga de actualidade, en certo xeito, e dá que pensar o langráns que fumos na historia pechando os ollos a evidencias que nos achegan máis á ciencia ficción distópica que á utopía. En resumo: fondo de armario, obrigatorio e actual a pesar dos seus aniños.

The Martian, Andy Weir
Cando o vin na libraría estaban anunciando a peli, que me tiña boa pinta, mesmo se aínda a teño pendente de ver. Lin algunha reseña positiva, así que o collín na súa versión orixinal.
Pódese vivir perfectamente sen lelo, pero o certo é que me pareceu entretido. Recoñezo que as partes máis densas de cousas pseudocientíficas as lin en diagonal (dubido que precise fabricar auga en Marte no meu futuro máis próximo), pero papeino nun par de días e gustoume tanto o protagonista como o estilo sinxelo. Hai libros que son para pasar un bo anaco, sen que nos deixen pouso, nin necesiten facelo. Este é un deses.

The Ocean at the End of the Lane, Neil Gaiman
Poida que sexa hora de ler algo que non sexa Neil Gaiman. Se o fago, será máis por non parecer unha chunga que le sempre o mesmo que porque me apeteza. True story. O caso é que non é sempre o mesmo... E iso é fantástico.
Neste caso, un libro dos que si que deixan pouso. Unha historia común tórnase fantasía de maneira maxistral. A historia é un recordo que introduce a maxia na realidade case sen que nos deamos conta. Pode deixar mal corpo, aviso, pero é dese mal corpo que che fai pensar como unhas palabras impresas che poden tocar a fibra tanto.

¡Pesadillas!, Jason Segel & Kirsten Miller
Unha historia xuvenil (tirando para abaixo, arredor dos 11 anos, o que se adoita chamar middle-grade en inglés), con fantasía e aventuras. Como nena, non lle pediría máis do que ten. Como adulta, penso que a historia está ben levada, os personaxes son predecibles pero axeitados para a idade obxectivo e que, en conxunto, funciona. Téñolle especial cariño aos libros que nos axudan a superar os pesadelos e os medos facéndonos sufrir un pouco.
Lin a tradución a castelán que, por desgraza, é o peor pesadelo de todo o libro. Unha pena, porque a edición mola moito por fóra e ten unhas ilustracións preciosas, pero estiven resoplando dende a primeira páxina á última...

Podes seguir todas as miñas lecturas en Shelfari e tamén en Goodreads.

(Redoble de tambooooooor...)
Imos co resultado do sorteo do pack Landereina.

A selección fíxena introducindo os nomes das persoas que comentastes nesta aplicación online que saca un resultado ao azar das liñas de texto que se lle insertan. Obviamente, só lle din a procurar resultados unha vez. Pégovos o pantallazo coa lista e o resultado:


Eduardo F. é o afortunado gañador, así que os libros marchan á Coruña. E creo que no premio vou engadir a condición de non meterme presión polos finais abertos, hehe... :) 
Grazas a tod@s por participar!
Ata a semana que vén!

Ningún comentario

Cóntame!