Lecturas de 2016 (II)


Non poido deixar ir o ano sen pechar as miñas lecturas de 2016 (bota un ollo aquí á primeira parte da lista). Dende que naceu Julián non abrín un só libro, pero penso que, con 17 lidos ata agora, me acheguei bastante ao meu obxectivo de 20 libros este ano. Tendo en conta a pedazo tarefa de coidar dunha persoa nova, non me parece que o fixese tan mal! :D

Lembra que podes seguir todas as miñas lecturas en Goodreads.

Hai de todo nesta miña lista de lecturas da segunda metade de 2016, pero botándolle un ollo de cerca, creo que necesito novas recomendacións! En fin, virán co novo ano, supoño.

Por se non nos lemos ata entón, felices festas, feliz saída e entrada de ano e que comecedes con ilusión o 2017!

Velaquí o resto das miñas lecturas. Apertas!

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Ledicia Costas
Por suposto que tiña que ler a última novela xuvenil de Ledicia. Esta valeulle o Premio Lazarillo de 2015, e con razón. Unha aventura clásica, fermosa e imaxinativa que nos transporta a un Vigo pasado do que dá gusto aprender. Lese fácil e deixa ganiñas de máis :)



O espello do mundo, Ramón Nicolás
Unha novidade do ano que non é literatura xuvenil, por fin :D. Tiña moitas ganas de lela por ser a primeira novela dun crítico literario das nosas letras a quen teño en bo aprecio. A prosa de Ramón é cativadora e moi correcta, se ben a temática non é das que máis me tiran, polo que a miña opinión sobre esta obra queda algo sesgada. A historia non é meu forte... Iso si, a nivel de calidade non poido máis que alabar este libro.



All the light we cannot see, Anthony Doerr
Traducido ao castelán co título de La luz que no puedes ver.
Levoume case todo o mes de agosto lelo, aos pouquiños. Foi unha novela moi aclamada este ano e a min pareceume que podía ser moi bonita. Comeceina coa mesma sensación, pois ten un estilo sinxelo e fermoso na súa simplicidade e combina as historias de dúas personaxes entrañables. E ata aí. Fíxoseme longa, lenta e predecible. Mesmo me deu a sensación de que a suposta protagonista non acababa de selo, coma se todo canto lle acontecía o sufrise pasivamente mentres que os homes da novela participaban activamente da acción. En fin, que se le, pero psé.

La chica del tren, Paula Hawkins
Este, pola contra, lino en 6 días. Non sae na foto porque o lin en versión dixital no meu novo kindle (yupiiii). É unha historia entretenida e rápida, un "libro hamburguesa": non ten máis nin máis hai que pedirlle. Mesmo se os personaxes non me caeron especialmente ben, enganchoume e lina coa avidez de querer saber que pasa. Non foi tan predecible como esperaba, así que non lle poño mala nota. Iso si, a tradución ao castelán é mala non, o seguinte.


The Trees, Ali Shaw
Encántame Ali shaw. Esta é a súa terceira novela (polo que eu sei, só a primeira está traducida a castelán) e lanceime mercala en canto saíu. O malo é que merquei a edición en tapa branda en pre-encarga e ata outubro non a recibín. Pero polas boas cousas non dá pena agardar. Encantoume a premisa (de súpeto, nacen árbores que invaden todo e o mundo como o coñecemos chega á súa fin) pero, sobre todo, como está enfocada. Non é un libro de aventuras, é un libro de persoas e de natureza. É fermoso, non hai outra palabra. De novo, encantada coa maxia de Ali Shaw.


El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, Ransom Riggs
Outro ebook que lin traducido. Outra tradución mala, mala, por desgracia.
Unha aventura entretida aínda que predecible en ocasións. Menos máxica do que esperaba, pero ben narrada, con gancho e cun imaxinario entrañable. Para min, nin fu nin fa, pero véxolle o tirón, vaia. Por certo, ao chegar ao final, sorprendeume descubrir que non é unha historia autoconclusiva, senón parte dunha triloxía (alomenos, ao parecer, polo de agora).


Revival, Stephen King
Deste ebook non me vou queixar da tradución :)
Stephen King! Que vos vou dicir! Tiña ganas de volver ler algo del despois do moito que me gustou 22/11/63. A nivel de calidade narrativa, nada que envexarlle. A historia gustoume moito ao principio, pero segundo se "resolvía" deixou de engancharme tanto. Teño un problema con que me gusten certos temas (non digo cales para non destripar nada, suponse que é a súa gracia, guste ou non), por ben contados que estean... 

Magnus Chase and the Hammer of Thor, Rick Riordan
Xa o dixen na anterior entrada de lecturas,  estes libros acaban por aburrir (pero como costa deixar sagas a medias...). Unha vez máis, unha aventura entretenida e simpática, coa parte molona de empregar a mitoloxía nórdica para o seu desenvolvemento. Pero tamén, unha vez máis, o mesmo patrón, o mesmo avance, o mesmo personaxe principal que xa cansa de graciosete (parece que ten que dicir algo gracioso cada vez que fala... A ninguén lle gusta un graciosete turrón, Rick, a ninguén!).  


Escaquis e Romeu, Antonio M. Fraga
Outro libro de amigos que hai que ler si ou si, e non por amizade, como xa dixen noutras ocasións. Este libro (do cal non atopo a portada online) escribiuse con motivo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, arredor da súa temática de 2017, "O mundo que queremos". Esta iniciativa do Salón paréceme acertadísima e ofrece a posibilidade de facer cousas marabillosas coas historias e ilustracións que se crean para o evento. No caso desta historia, trátase dunha tenra aventura interdimensional que nos amosa o mellor e o peor de nós ou, máis ben, como sermos quen debemos ser, no mundo que queremos ter.

Ningún comentario

Cóntame!