De portais dimensionais


A Ponte de Rande éme a emocionante porta de volta á cidade de Vigo, tras unha longa viaxe de tres horas. Haberá a quen tres horas non lle parezan tanto, pero sen saír de Galiza, vaille chegando. Cando fago a ruta á inversa, o punto xeográfico no que sei que estou na casa é un anaquiño pequeno de costa, pasado Foz, onde hai unha casa vella, abandonada, se cadra, a cal, pechando só un chisco o ángulo de visión, semella estar soa nunha costa báltica fría azoutada polo cruel mar.

Hai varias formas de ir a Vigo, pero eu vou pola N-642 á N-634 e logo ata o tramiño de A-8 que hai aló por Vilalba e ata Baamonde. En Baamonde xa se colle a A-6 e nela séguese ata enganchar coa AP-9, aló por Arteixo, para tirar ao sur, todo recto, ata a saída 5v.

 Ou ía.