As Crónicas de Landereina

As Crónicas de Landereina é a miña primeira (e, por agora, única) triloxía fantástica. Os tres volumes seguen a aventura na que se ven metidas as dúas protagonistas, Berenguela e Güenaela, cando o seu reino, Landereina, se ve ameazado por unha nova tiranía.


OS LIBROS

Ao sur das grandes montañas Kaii e da cadea Sophesiw esténdese o reino de Landereia, unha terra na que conviven amazonas, druídas, ananos e bandidos, sucada polo escuro bosque de Etlual, fogar de centauros e elfos. Landereina vive en paz grazas ao goberno da dinatía dos Gheiroez. O rei Bogardo segue a esforzarse en reconstruír o reino, igual que o fixeron os seus antepasados dende que Argun II lograra derrotar o malvado Wiasmau, quen durante décadas tiranizara as súas terras grazas ao poder da Pedra de Lúa. Pero a felicidade en Landereina está en perigo de novo: o exército escuro dos kaihunn avanza polas vilas baixo as ordes dun novo e descoñecido tirano que busca destronar os Gheiroez e facerse coa Pedra de Lúa e, con ela, co poder sobre Landereina.





Sinopse: Durante corenta anos, Landereina sufriu baixo o poder do malvado Wiasmau. O reino xa está recuperado, pero a historia está a piques de se repetir, a menos que alguén consiga destruír a poderosa Pedra de Lúa.
Nunha pequena cabana, nunha praia esquecida do mundo, Berenguela descubrirá que o seu destino é moi distinto ao que sempre pensara. Descubrirá que salvar o reino pode estar nas súas mans.



Editorial Galaxia 
Data de publicación:  xuño, 2013
Páxinas: 223
ISBN: 978-84-9865-487-5



Sinopse: Mentres a malvada man que pretende facerse co control do reino segue xuntando as partes da Pedra de Lúa grazas ao sangue de Ohn, príncipe de Landereina, Berenguela e Güenaela deixan atrás o bosque de Etlual para partir na procura do terceiro feitizo, o que destruirá para sempre a maxia do poderoso amuleto. 
En Svörie, a illa dos sabios, descubrirán os segredos da súa montaña, do seu poder e, tamén, de como o pasado uniu o destino dos Gheiroez e do malvado Wiasmau.

Data de publicación:  xaneiro, 2015
Páxinas: 264
ISBN: 978-84-9865-580-3


Sinopse: Coa apócema de destrución da Pedra de Lúa xa nas súas mans, Berenguela e Güenaela deben escapar da illa dos sabios para dar chegado á capital de Landereina e rescatar ao príncipe Ohn. Alí, a traidora segue a gañar terreo, aterrorizando o reino e sen ceder na súa procura de todos os anacos do amuleto máxico que lle conferirá o máximo poder co que levar a cabo o seu tiránico goberno.
O castelo semella distante mentres os problemas seguen a xurdir no seu camiño, mais Berenguela e Güenaela non decansarán ata xuntar o sangue dos Gheiroez elixidos, pois só así poderán destruír a Pedra de Lúa e derrotar á malvada Maëriss para poñer a salvo, por fin e para sempre, o reino de Landereina.

Data de publicación:  novembro, 2016
Páxinas: 213
ISBN: 978-84-9151-012-3


AS TERRAS DE LANDEREINA E AS SÚAS XENTES


Ao comezo de cada libro podes atopar o mapa das terras de Landereina. Se queres saber máis sobre que hai en cada rexión, podes consultar este enlace.

Nas Crónicas de Landereina hai moitos personaxes, dende a familia real ata os centauros, pasando por amigos e inimigos, ananos e amazonas. Nos seguintes enlaces, tes unha listaxe cos personaxes por orde alfabética, cunha breve descrición. Ollo! Se non liches os libros, algunha descrición pode destriparche algunha parte da historia. Avisado/a quedas!



MÁIS INFORMACIÓN & MEDIOS

Para saber máis sobre eventos relacionados cos libros, podes seguir ou reler as publicacións etiquetadas como #landereina, aquí, ou escribirme!



FOTOS E VÍDEOS


ENTREVISTAS