Roma

 A nosa lúa de mel comezou mooooi cedo. A viaxe polo menos. O martes erguímonos ás 4:30 da mañá, puxemos as farolas e subimos ao aeroporto. Primeira parada no aeroporto de Barajas (que agora é un centro comercial pero coa comida carísima, parece ser) e seguinte voo ás 11:55 cara a Roma.

Serei sincera e direi que, aínda que me gustou moito, me decepcionou un pouco. Se cadra puxera a cidade nun pedestal na miña cabeza, se cadra era mala época, pero o ruído, as masas de xente e esas cousas non son o meu.

Foron tres noites e dous días e medio de moito (moito, moito) camiñar, así que cundeu e disfrutámolo. Si, a pesar do ruído e da xente. Porque unha lúa de mel é para disfrutar, faltaría máis.

Por certo, entrei en modo friki e tirei algunhas fotos panorámicas e esféricas co móbil. Podedes velas neste enlace.

Outubro en fotos

Chamarlle "outubro en fotos" se cadra é moito chamarlle... Porque outubro, como xa sabedes, tívome ocupadiña ultimando detalles para iso de casar, e non hai fotos do mes agás polas do "evento".

Cris xa contou a súa crónica no seu blog de moda (grazas!), e eu algo da viaxe deixei caer por twitter. Pero bueno, para rememorar un día precioso (non só climatoloxicamente) e por aquelo de ter outro momento selfie, como din pola rede, aí van un par de instantáneas.

As fotos da viaxe déixoas para próximas entregas que, co voso permiso, virán pouco a pouco, segundo me vaia permitindo escaquearme o meu proxectiño... que xa está ben de tomalo con calma!