Landereina, Landereina...


Rematei. Contéivolo en twitter e facebook. E poida que vos soase a esaxeración o dos 15 anos, pero se conto dende que o rei Bogardo apareceu na miña cabeciña, aló polo 2001... pois, si, saen 15 aniños de nada.
Visto doutra forma: cando naceu Landereina, moitos dos seus lectores aínda non naceran. Iso pesa cando unha vai contar a historia dos seus libros aos centros e pesaba, ata ontes, porque a dilatación do proxecto facíao ás veces cansino. E, claro, eu non quería que o meu bebé literario fose cansino.

Agora que xa está míroo coa mágoa mesturada de orgullo que supoño que teñen os pais cando os fillos marchan estudar fóra. Dentro de pouco, a historia xa non será só miña, será vosa tamén e iso faina adulta, completa e realizada. E a min, feliz.

Faltan uns mesiños para ver Sangue de Lúa en papel e aínda ha haber que traballala un chisco. Pero será sen medo, sen presión.
Por agora está nas mans dun par de lectores incriblemente amables que me fan un oquiño entre as súas lecturas para me ofrecer unha crítica construtiva (grazas, grazas e mil grazas!). Logo pasará ás do meu editor (máis grazas!) e, de aí, ás do revisor (non te coñezo en persoa, pero encántame repasar gramática e vocabulario pola túa culpa :D Grazas!). Os libros camiñan moito antes de ir de vacacións ás vosas mans. E ese camiño tamén mola un feixe.

Toca agardar e seguir soñando. Non sei como explicarvos o emocionada que estou, non só de ver este proxecto rematado senón tamén por poder por fin coller as ideas que tiven que ir gardando, por poder poñerme a traballar nelas. Son ideas de letras e de pinceis, son moitas, porque a cabeza non para. Espero que, cando chegue o día, tamén as poida compartir con vós.

Graciñas por estar aí.

2 comentarios

  1. Parabéns polo remate do libro, desexando telo nas mans¡¡¡

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas! A ver se cara setembro está na rúa, eu tamén lle teño ganiñas :D

      Eliminar

Cóntame!