Lecturas de 2016 (I)


Xuño vai tocando á súa fin e, como fixen o ano pasado, recopilo as lecturas que levo no que vai de ano. Non son moitas, pero espero ler máis agora que xa rematei as Crónicas! O tempo heino encher igual, pero terei menos escusa, iso seguro.

Lembra que podes seguir todas as miñas lecturas en Goodreads.

Aquí tedes, en orde cronolóxica, as  miñas primeiras lecturas de 2016:

O Castañeiro de Abril, Antonio M. Fraga
Empecei o ano con este libro, tan bonito e cálido como anuncia a portada. Xa me tardaba lelo, sobre todo despois de coñecer a Antonio grazas a asociación na que actualmente compartimos lugar na directiva. Papeino nunha tarde.
Encántame a forma na que o autor fala das cousas miúdas dun xeito que as fai importantes e máxicas, usando as palabras con delicadeza e agarimo.
Foi gañador do Premio Merlín en 2013.



La Invención de Hugo Cabret, Brian Selznick
Ao rematar o Castañeiro, collín este sen agardar a pensar máis. Foi un agasallo do Fraco por Nadal e non quería agardar máis para lelo.
Seguramente vos soe a película que se basea nel, pero, aínda que a peli está moi ben, non ten nadiña que ver no que a sensacións se refire. Os libros deste autor mesturan ilustracións e texto, polo que a historia se desenvolve dun xeito peculiar. Moi recomendable.





Magnus Chase and The Sword of Summer, Rick Riordan
Tamén en xaneiro, aproveitando o tirón lector co que empecei o ano, lin esta nova entrega de Rick Riordan. Aínda que outras das súas sagas non me chamaron moito, despois da de Percy Jackson quería ler este, sobre todo porque neste caso a base é a mitoloxía nórdica (que mola un feixe, claro está). Coma os outros, é un libro longo pero moi fácil, de acción rápida e moi entretido. Iso si, se ledes moitos destes seguidos acaban por aburrir, porque o desenvolvemento da historia é sempre o mesmo, mesmiño.




Tártarus, Antonio M. Fraga
En febreiro non lin chispa, pero en marzo recuperei con dúas obras en galego (esta e a seguinte). Outro libro de Antonio M. Fraga, neste caso, inesperadamente, primeira parte dunha historia máis longa. De novo gustoume moito como está escrito, con sinxeleza despois dun comezo un chisco confuso. A historia está moi ben fiada e atrapa nas súas dúas liñas (xúntanse dúas historias, a "realidade" e un relato do pasado). O universo no que ocorre a acción é redondo e recoñecible aínda que sexa ficticio. Recomendo.



Esmeraldina, a pequena defunta, Ledicia Costas
Xa sabedes que nas letras galegas estamos de noraboa coas marabillosas creacións que acollemos nos últimos anos, especialmente en literatura infantil e xuvenil. E Ledicia foi unha parte grande dese pulo, grazas, sobre todo, a Escarlatina e aos premios que a van seguindo. Se listes Escarlatina, veredes que Esmeraldina non defrauda. Divertido, completo, estupendo... Non esperaba menos. Ah, e as ilustracións son unha auténtica pasada!




Amor é unha palabra como outra calquera, Francisco Castro
O único libro de adultos da lista e o único que non sae na caixa da foto, non por mal, senón porque mo emprestaron meus pais e xa llelo devolvín (porque os libros hai que devolvelos, aínda que ás veces se tarde!). Salvo por un par de excepcións, todos os libros desta lista se len case dunha sentada. Este tamén.
Recoñezo, iso si, que a min me custou un chisco entrar na trama sobre todo porque comparto a opinión do autor-narrador e non era quen de me recoñecer en Carla, a protagonista. Sen embargo, recomendo encarecidamente este libro ás Carlas do mundo e aos que non se decatan de que as segue habendo: unha historia sobre unha muller que non se respecta nin se considera completa sen parella e que se ve envolta nun crime.

Momo, Michael Ende
Pois non, non lera Momo. Podedes mirarme mal, si. Cando era pequena e pasaba as tardes na biblio do cole no que traballaba a miña nai non sei por que lle tiña algo de medo. Se cadra fora por unhas ilustracións da edición que había alí, non o sei... O caso é que, por fin, depsois das insistencias da miña amiga Marta, merqueino e lino... E encantoume! Non me extraña que sexa un clásico. É un conto que non pasa de moda, especialmente nos tempos que corren. A historia pon nos ollos dunha nena moi especial unha cidade na que a xente non se decata de que lles están a roubar o tempo... e a vida. Fermosísimo, de verdade.

Ningún comentario

Cóntame!