Un mundo para os que cren

O  neno quixo chamar á armela que penduraba da parede.
Pica, pica na porta a ningures, riron todos a esgalla.
De pé na caixa de madeira,
bateu o petador contra o cemento
e a multitude riu,
sinalando cara a embaixo,
cara a el,
colorado e indefenso ante a burla.
O neno enrugou a cara toda,
cellas, beizos e fuciño,
e quixo que desaparecesen.
Pica, pica a ver quen che contesta.
Con forza, con carraxe,
o neno bateu a aldraba indignado,
fitando atento o aceno grotesco do rostro felino que a suxeitaba.
O cemento renxeu,
o mundo abreuse en dous
e a xente botou as mans á cabeza e correu coma nunca correra,
esparexándose pola praza,
berrando,
esvaecendo.
O neno sorriu
coma el tampouco nunca sorrira,
coas cellas, cos beizos e co fuciño,
e cun só paso adiante
chegou a ningures.

E dálle cos gin tonics

As luces da cidade cantáronlle as boas noites
e el ergueuse para ir mexar.
Era a terceira copa,
a cuarta,
a segunda,
e ningunha semellaba rematar.
O xeos permanecían enteiros,
sólidos,
insolentes,
marmóreos ao remexer a mestura co dedo
(merda pa' as palliñas).
Só 3 mississippis de whisky
arremuiñados na tónica,
por riba doutros 3,
en vaso baixo.
Era a primeira copa,
a quinta,
a milésima,
e tropezou ao ir mexar.
As señoritas
de longos escotes
de longas pernas
de longos cabelos clónicos
engurraron o fuciño coma se non fose guapo,
(homenomejodas)
apartaron cadanseus gin tonics do camiño,
(e dálle cos gintonis)
non os fose verter o moi preas.
As luces do baño murmuráronlle un "vaite deitar"
e el botoulles a lingua.
A man sobre a parede esquivaba as manchas visibles,
a man sobre a pirola debuxaba o seu nome na avellentada louza.

Lagarto, lagarto

Andy DuFort via Pinterest

"A inspiración só vén cando estou triste", dixo o lagarto.
 Eu rin, refunguei, rosmei retrancas e non souben asentir.

Era un feito no que eu dera en pensar varias veces, tras centos de páxinas debuxadas con bágoas, tras iluminacións pasaxeiras con máis sorbeduras de mocos que sorrisos, pero xa non estaba disposta a crelo certo.

"Pero é que cando son feliz, non vén a inspiración", dixo o lagarto, e falaba de amor.
 Eu dubidei, funguei e admitín que, afogada como estaba co corazón a rebordar, enchía menos páxinas ca antano.

Con todo, as páxinas semellaban meirandes, máis completas, vivas.

Non lle souben dicir a verdade. O lagarto non a quería oír, non a precisaba. Porque ao lagarto lle gusta crerse triste e ter escusa para prepararlle un té á súa inspiración. A miña, cando vén, sempre me pilla a pobre sentada, traballando.

Febreiro en fotos

De verdade que xa rematou febreiro? É marzo, vai achegándose a primavera e eu coma se viñese de comezar o ano... Así non se pode. Polo menos fixen algunhas fotiños! Estas son as que máis me gustaron. Porque me gustan as pintadas, as portas e os zapatos :)