Verde

TRD Santiago-Vigo
Novembro, 2000
Unha vez díxenche que, cando chove, o verde, o verde da herba e das árbores, é máis verde ca nunca. Soa simple. Éo. Eu decatárame máis veces. Sempre indo soa. Coma cando vou no tren.

Azul

TRD Vigo-Santiago
Decembro, 2001
Hoxe lémbroo todo. As parvadas, as risas, as bágoas. As cousas sen importancia que son tan trascendentais. Lembras que unha vez che dixen que cando chove o verde é máis verde?

Gris

TRD Vigo-Santiago
Setembro, 2002
Hai pouco cría que a tristura era azul, coma nas cancións inglesas, coma a música de blues. Sometimes I feel blue. Agora todo semella gris. Coma se estivese sentada neste sofá cun nubarrón sobre os ombros que me chove enriba e me afunde en min mesma e onde me doe, e aí non quero estar. Todo semella gris... un monocromo onde, se cadra, chegarei a sentirme cómoda.