Ilustración para a Dot:73


Coma quen non quere a cousa, aló van un par de meses e chega unha nova Dot.  E eu fago unha breve aparición para vos deixar aquí a miña ilustración e texto ao que acompaña.
Por certo! O proxecto do que vos falaba na última entrada ilustrada, Ilustradots Vol. 2, conseguiu o seu obxectivo e xa está na rúa! Mirade aquí como facervos cun exemplar (saio eu, pero tamén ilustradoras e ilustradores ben máis interesantes, prometido).

Estou especialmente contenta con este debuxo, especialmente porque o fixen todo á man (acuarela, tinta e un toque de lápis de cor) e me gustou moito o proceso, ademais do resultado, claro está. Podedes consultar a Dot:73 aquí.

Esta rapaza acompaña un texto de 2012 que recupero aquí embaixo, titulado Esqueces:

Contan das pedras que che fan as beiras
e dos felgos que che bailan
os suspiros.

Din das flores que te envexan
e dos tecidos
que te gozan esvarándote ao andares.

Esquecen,
cres ti,
que es máis ca un sorriso
e ti sínteste louza
e ti sínteste pote vello.

Esqueces,
creo eu,
que es só un autorretrato
e que pintaches os beizos
e que pintaches a alma.

Ningún comentario

Cóntame!