No noso salón

Aló polos 90... - Sabela González

Por fin está rematado e colgadiño sobre o sofá. Esta carallada (que é ben grande, por certo) levaba torturándome penso que hai xa máis dun ano. Unha capa de vermello, uns anacos de póster, logo recortes e logo pintura sobre os recortes... E logo un día vén un arrebato que unha confunde con inspiración e bota brochazos e pintura ao tolo. E, que vos vou dicir, a min gústame o resultado (e o ben que vai cos coxíns nin vos conto).

Bo nadal!

Inverno


O inverno azul rezuma agoiros para algúns,
pero a min ábreme as flores,
na noite,
agrómame primaveras,
no vento.

QWERTY


















Ao outro lado atoparei o que busco.

Transportareime á nova dimensión ás agochadas,
primeiro,
e volverei onda ti cada noite
coma se nada.

Logo,
un día calquera,
mergullareime nela de cabeza
berrando
Jerónimo
Eureka
ou, se cadra, o teu nome.

Podes vir comigo
[ven!]
aquí,
onde os qwertys me susurran e sosegan
e os pianos son máquinas de escribir,
onde me peino con pinceis á mañá
e os lápices cantan cancións de amor.

O camiño


Había un camiño correcto,
había un camiño fácil,
e había un camiño soñado.

Onde serpentean e se entrecruzan,
onde facemos as pausas do traxecto,
respiramos un intre, soñamos, e
ás veces
decatámonos:

Moby




Podedes chamarme Ismael
aínda que non lérades a súa historia.
Eu tampouco a lin,
aínda,
pero gústame pensar que poderei,
mesmo se me engule unha balea.
Entón,
se cadra,
poderedes chamarme Pinocho.







A águia do taboleiro

A águia do taboleiro - Sabela González, Dot: 46

Xa sabedes qué cousas escribe Sergio para a Dot e xa sabedes que eu intento que os meus debuxos estean á altura! Quedei moi contenta con esta águia e, aínda que parece mentira, non sabedes o absorta que quedo e o que me relaxa facer eses centos de raias.

Se vivides tan fóra do mundo que non vos subscribistes aínda ao boletín semanal da Dot, deberiades facelo aquí. E se queredes ver o último número, podedes lelo e descargalo aquí mesmiño!

E, por suposto, ide á páxina 27 para admirar o meu debuxo e ler o texto de Sergio. Home no!