Ultimamente // Feliz día do libro!

Vergonza me debía dar pensar canto hai que non actualizo... Pero tampouco me dá tanta, non vaiades pensar.

É difícil sentirse mal cando o tempo está aproveitado. Podía estar máis aproveitado? Claro que si, pero ver o número de páxinas da segunda parte das miñas "croniquiñas" medrar é un sentimento demasiado positivo como para enmerdalo (con perdón pola expresión) cunha perda de tempo tan grande como sentirse mal.

En resumo, niso veñen pasando os meus días ultimamente (despois de traballar, antes de saír as findes, enténdaseme): en escribir.

Outras cousas que ando facendo... Pois aprender a esculpir en arxila polimérica, correr e ler.

En arxila saiume ese raposiño porta-aneis que vedes na foto. E está sentado sobre a miña última lectura, unha recomendación dunha amiga que, polo que estou vendo, atinou de cheo! ;)

O resto das lecturas pendentes están na estantería vertical do salón, canda outras lecturas rematadas (o meu criterio de orde nos libros é un tanto peculiar... pero é orde, prométoo). Por aquilo de que é o día do libro (feliz día do libro!!), déixovos uns retratos desa estantería. Entre as últimas adquisicións, City of Ember, The Book Thief e un que non sae porque está onda os "libros xoia", The Bird King, unha marabilla máis de Shaun Tan.

E vós, que estades lendo? Se a resposta é "nada" ou "non sei que ler", pensade que hoxe é o día ideal para buscar esas páxinas que vos están agardando!

Dot: 54 - Vacacións


Que si, que xa non actualizo nada e estou feita unha bandalla. Xa vos alegraredes cando saia o meu segundo libro.

Polo de agora, vou ir pouco a pouco deixándovos cousas, coma esta ilustracion, a da nova Revista Dot, que xa cumpre 9 aniños!

A revista, coma sempre, tédela en Issuu aquí e seguro que perto vos cae algún punto de distribución para botarlle un ollo en papel.