A vulnerabilidade da noite


Esquecín a coraza na casa e saín en carne viva.
Foi estrañamente agradable sentir o vento entre os tendóns.
Mesmo me detiven un anaco a observar cómo se contraían os músculos, húmidos e rosados.

Cando un esquece a coraza deixa máis que pel ou ferros.
Deixa as armas, coma se o resto do tempo foramos amazonas, guerreiras, murallas de granito protexidas por arqueiros.
Deixa o valor e a mercromina.
Que a mercromina cura todo.

Pero sinte tan fortes os bicos coma os puñais.
Sinte coma se fora do revés.
E as cóxegas no estómago son tornados de ilusión.
E as caricias son terremotos de pracer.
E os bicos no pescozo son xemidos atronadores que che piden que non pares.

Non pares.
Que esquecín a coraza e son vulnerable.
Non pares.
Que te sinto tras as veas, atrapado en mín.
Non pares.
Que mañá poida que non a esqueza.

E poida que un arqueiro me defenda de ti.
Mesmo se eu non quero.




Quero un








Se non fora de louza tería sangue no canto de letras esmaltadas.
Viría de serie con vísceras que me latexasen e me fixesen funcionar.
Un estómago que encher. Un intestino que baleirar.
Se non fora brillante por fóra podería selo por dentro.
Pregúntome se venderán en liña bágoas,
uñas que medren,
corazóns.
E se hai páxinas de contactos para atopar quen lles dea corda.