Lecturas de 2015 (I)




Cando me vou acordando, actualizo o meu perfil de Shelfari coas lecturas que vou rematando ou descubrindo. Como xa vai aló mesmo máis de medio ano, velaquí o reconto do que levo lido ata o momento, por orde cronolóxica de lectura.


Neverwhere (graphic novel), Neil Gaiman
Xa lera a novela e (como sabedes) estou flipada con ela. Esta versión, a novela gráfica, foi un agasallo de Nadal. Obviamente, está tan ben coma a novela, e sempre mola ver a imaxe que se lles deu ás personaxes. Recomendadísimo! Fantasía máxica da boa.

Tes ata as 10, Francisco Castro
Un misterio de virar unha folla tras outra. A historia ten lugar en Vigo, así que ten o encanto engadido de poder seguir os acontecementos polas rúas desta cidade. Unha lectura perfecta para a praia.

Will Write for Shoes, Cathy Yardley
Frikeces dunha... Mercara este libro hai ben tempo e tíñao pendente. Nada como unhas horas de espera en aeroportos para chantarlle o dente. É un ensaio sobre a escrita de novelas desas de mulleres, as comedias románticas dos libros, que si, tamén me gustan. Ten bos consellos, pero non é nada do outro mundo.

Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo
A obra gañadora do Premio Blanco Amor 2014 de novela longa (pero moi longa non é, aviso). Tamén se desenvolve en Vigo e afonda na historia da cidade e do país, a través de personaxes bastante intensos. Para a súa brevidade, é intensa e entretida.

The City of Ember, J. Duprau
Poida que vos sone a película que se baseou neste libro, do mesmo nome. Trata dunha vila baixo terra, creada para salvar á humanidade. Nela, os habitantes non saben que fóra hai un mundo e uns rapaces farán o posible por buscar unha saída ante a ameaza da fin das provisións e da electricidade que lles dá toda a luz que teñen. Entretido, sen máis. Unha boa historia que ten toda a pinta de chafarse nas secuelas.

Reckless: Carne de Piedra, Cornelia Funke
Aínda que outros libros desta autora me encantaron, este non me chistou moito. A historia está moi ben, unha boa idea de maixa, fadas e un mundo paralelo no que o protagonista deberá salvar a seu irmán, cuxo corpo se está a convertir en pedra. Soa ben, pero a min, persoalmente, non me gustou como está escrito. Se cadra a tradución ten parte de culpa, pero en alemán non me ía enterar de moito...

Agora estou lendo Good Omens (Buenos presagios), como non, de Neil Gaiman. Un relato apocalíptico de partirse. Xa vos contarei :)

Vós que estades lendo?

Ningún comentario

Cóntame!