
Esquecín a coraza na casa e saín en carne viva.
Foi estrañamente agradable sentir o vento entre os tendóns.
Mesmo me detiven un anaco a observar cómo se contraían os músculos, húmidos e rosados.
Cando un esquece a coraza deixa máis que pel ou ferros.
Deixa as armas, coma se o resto do tempo foramos amazonas, guerreiras, murallas de granito protexidas por arqueiros.
Deixa o valor e a mercromina.
Que a mercromina cura todo.
Pero sinte tan fortes os bicos coma os puñais.
Sinte coma se fora do revés.
E as cóxegas no estómago son tornados de ilusión.
E as caricias son terremotos de pracer.
E os bicos no pescozo son xemidos atronadores que che piden que non pares.
Non pares.
Que esquecín a coraza e son vulnerable.
Non pares.
Que te sinto tras as veas, atrapado en mín.
Non pares.
Que mañá poida que non a esqueza.
E poida que un arqueiro me defenda de ti.
Mesmo se eu non quero.