Deixei correr a auga da ducha mentres lavaba os dentes e o espello amosoume unha caixa torácica baleira.
Sei que non está baleira, díxenlle, amósame a cabeza.
Na superficie cristalina reflectíronse rostros, lugares, un remuíño de elementos indescritibles na miña fronte. Unha desorde aterradora, un novo caderno mental de historias, pensamentos e problemas esaxerados. Abaneei a cabeza con pesar e metinme na ducha.
Por que o fas?, díxome tras a cortina. Por que lle das voltas a todo?
Non o poido evitar, respondinlle á miña personaxe, non poido evitar pensar!
Xa somos moitos aquí dentro, sabes? E se temos que enfrontarnos tamén aos teus problemas e loitar polos teus desexos non imos dar feito.
Asomei a cabeza chea de escuma pola cortina. Mirábame dende o bidé, sentada. Era estrañamente semellante a min, pero máis dereita, ben peinada, sen bolsas baixo os ollos. Espreitábame agardando unha resposta que non me deu tempo a dar.
Poderías sacar a algúns. As bruxas comezan a impacientarse e as amazonas están confusas cos cambios de argumento! E nin che conto como andamos as Eus... unhas afogando en apertas, outras chorando, outras perseguindo recordos e fantasías sexuais... Unha desfeita...
E ti cal es?, preguntei con curiosidade mentres aclaraba o acondicionador.
A que non sae nunca.
Por que non saes?
Porque son feliz. Estou segura de min mesma e sei que o conseguiremos. Mesmo se aínda así siga sen saír. Daquela virán ideas novas e sairán as Eus namoradas, as lascivas, logo as tristes e nostálxicas de novo... E eu quedarei aquí. Pero non me importa. Teño que coidar de ti.
Saín da ducha e envolvinme na toalla. Mirei para ela abraiada, sen saber que dicir. Ela sorriume de esgueira, cun estraño cariño, coma se me estivese a confortar.
Tes un lenzo enorme. Éncheo.
Os seus ollos agardaban un asentimento. Dinllo.
Intentareino. Ordenarei todo o que poida e sacarei a uns cantos, prométocho, díxenlle.
Ela sorriu de novo co mesmo furado nos dentes que teño eu. Abaixeime para enroscar a toalla na cabeza e cando me erguín xa non estaba.
Mireime ao espello de novo. Esta vez só vin o meu reflexo. Puxen a lentilla.
E sabes que? O mundo tamén é un lenzo.
Bravo por esa YO, Beluka.
ResponderEliminarBesos
Hola guapita, gracias por estar ahí, te dejo aquí el nombre del libro de Millás, en mi opinión no tiene desperdicio(son articulitos) y dura demasiado poco ;)
ResponderEliminar"Algo que te concierne",ya tiene su tiempo, pero no pierde actualidad. bEsote
Tes razón, se saíra unha persoa por cada "eu" que tes na cabeza, non terías sitio na casa!! Pero non te preocupes, creo que tódalas mulleres somos así, e mellor non pensalo, non vaia ser que saia outra mais!!
ResponderEliminarbesiños.
De verdade que eres a mellor. E o unico que poido dicir cada vez que te leo. Este subiume a moral moito moito. E os debuxos xeniais! Bicos desde Costa Rica! QRT
ResponderEliminarXenial.
ResponderEliminarEste relato, relato poético, especie rara de ensaio...o que sexa...arte, de verdade, arte,...delicado, sofisticado e preciso, moi preciso, diálogo co "eu" profundo da muller, coa ratio essendi da femia. Deixoume conxelado, emocionado, reafirmado na convicción sobre a "cosmoloxía" do feminino. Eres das poucas persoas que sabes crear e recrear ese principio motor que tanto vos caracteriza, o ego. Esa é a razón, sen lugar a dúbidas, dun falaz misterio que eu chamo "beleza". Un bico deste teu admirador.
ResponderEliminarpodo mercarche un debuxO?
ResponderEliminar:*******************