E o elixido é...

Grazas a todos e todas as que votastes na entrada anterior para decidir que poema do blog debuxarei este mes!

O gañador é Mariñadas, co 44% dos votos. Xa vos dixen que a cousa estaba igualada: Os amores non se enfían queda segundo co 31% dos votos e Pasos queda con 25%. Para a próxima non vos toleo, prométoo, e sigo a orde desta votación :)

Irei subindo os bocetos e avances, a ver se estou á altura.

Polo resto... En só uns poucos días cubrín algún propósito de ano novo con dous libros (en efecto, Tes ata as 10 durou pouco máis da viaxe de ida) e visitei un par de sitios novos. O Pirineo recibiunos cheo de neve e, aínda que a ventisca non é moi desexable, as paisaxes deixáronme coa boca aberta día tras día.

Toca volver á realidade. Boa fin de semana!



Posta ao día dos propósitos de ano novo e unha petición

Lembrades que vos amosei unha lista máis ben optimista dos meus propósitos de ano novo?

Se cadra é algo cedo para ver como vou, pero quero pedirvos que me axudedes cunha cousiña e o caso é que vén a conto dos famosos propósitos.

Facer 1 debuxo ao mes é un dos propósitos aos que máis ganas lle teño. Tanto traballo, novas responsabilidades, cursos, escribir... Debuxar sae perdendo case sempre, e en xaneiro quedou relegado á ilustración da Dot e un regaliño. Febreiro escápaseme sen debuxo, pero quero poñerlle remedio:

Antes de que remate marzo, vou facer o debuxo de acompañamento dun escrito do histórico do blog.

Podedes axudarme a escoller de cal? (*Votación pechada)

Dot: 59 - Bolaño

 O texto de Sergio Lagartija para a Dot:59 (xa dispoñible!) fala de Bolaño. E eu, como vos dixera, debuxei isto de aquí enriba.