Propósitos para 2015


Todas as vacacións propóñome non deixar de actualizar. Ás veces ríndome e poño un aviso. Outras veces, coma este ano, repítomo todos os días pero despois isto queda esquecido, canda as redes sociais e todo o que cheire pouco a vacacións.

Pero a volta é a volta e hai que poñerse firmes. Firmes e con propósitos, como ten que ser.



Estes (os da moleskine nova da foto, faltaría máis) son os meus propósitos para o 2015 e o traballo de poñerse a eles comeza xa!

  • Escribir 2 libros: Un deles, a terceira parte das Crónicas, xa está comezado. O outro é un obxectivo que espero que non se faga difícil, a partir da idea que traballei durante o NaNoWriMo, á que lle teño moitas ganas.
  • Facer 1 debuxo ao mes: Un cadro, unha ilustración,... Unha obra ben traballada e rematada ao mes. Non é tanto pedir, ou?
  • Aprender a facer 10 cousas novas: Son persoa de aburrimento fácil (really?¬¬), pero tamén de entretemento fácil. Gustaríame probar a facer cousas que nunca fixen, como coser bonecos de trapo, facer tapices, esculpir figuriñas, aprender caligrafía con tinta, aprender a manexar o Illustrator, facer estampación en tea, etc.
  • Facer deporte 2 veces á semana: Ese é o mínimo. Pero teño que poñerme obxectivos realistas, que isto de moverse non é o meu, non...
  • Escribir algo todos os días: Algo é calquera cousa: ideas, partes dos libros, entradas do blog, un poemiña nunha servilleta, chamádelle x.
  • Visitar 5 sitios novos: Fácil. Non?
  • Facer álbumes de fotos: É máis sinxelo poñelo aquí que seguir co post-it a tolearme. Flaco, liches? Temos que poñernos cos álbumes de fotos!
  • Ler 10 libros: Son poucos, xa o sei, pero vistes o resto de cousas que quero facer? Hai que ir pouco a pouco. Pronto vos contarei os meus primeiros seleccionados do ano ;)  

Et voilà. E mañá empeza a conta, porque xa sabedes que os primeiros días de xaneiro non contan. Así que a por eles, que son poucos e covardes!

E vós, tedes propósitos para este ano?

Ah, si, claro... E Feliz Ano!!


Ningún comentario

Cóntame!