Boa viaxe
19 de decembro de 2014
A semana pasada estiven en Barcelona.
Voei para aló o martes que tanto vento fixo e o descenso ao aeroporto foi de infarto. Eu fixen coma que ía tranquila e seguín lendo. Ás veces son moi de aparentar.
Iso foi despois de tirar esta foto do Mediterráneo. O mar ao que eu sempre chamei "sopa" semellaba o meu Cantábrico do revolto que estaba, non digo máis.
Tanto ten a que fun (pero, se vos interesa, podedes buscarme por aquí, para vos rir de min, sairá pronto, non sei que día aínda, se cadra hoxe?). O importante é que aproveitei para visitar a miña prima e coñecer o barrio de Gràcia.
Pasámolo moi ben. E logo, como non, coma sempre na miña experiencia con xente de Cataluña, estando con oriundos, xordeu o tema da lingua. Sempre está ben compartir experiencias e ideas, sorprenderse coas diferenzas.
Curiosamente, a diferenza que máis me sorprendeu deuse no aeroporto, o mércores, á volta.
A azafata de terra miroume o DNI, colleu a tarxeta de embarque e díxome (cito tan textualmente como lembro):
–A ver se ti sabes, que é para ti "facer a feito"?
Intentei agochar a miña sorpresa (a azafata, aínda por riba, non parecía de España sequera).
–Para min significa facer a monte, á brosa, de calquera maneira... –respondín (movendo moito as mans, claro).
A azafata mirou para a súa compañeira, que ofreceu a tradución máis próxima en catalán. As dúas sorríronme e a que me fixera a pregunta desexoume unha boa viaxe.
En galego.
En Cataluña.
E eu alegreime primeiro e entristecinme despois. Alegreime por que me desexasen boa viaxe en galego, por fin. E, claro, entristecinme porque non sucedeu onde debía.
loading..
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario
Cóntame!