Adornos para o pelo


Un dos meus propósitos para 2015 é aprender a facer cousas novas, e unha desas cousas novas é esculpir figuriñas. O certo é que algo xa estiven practicando:

Hai meses fixen a primeira proba con este raposo para aneis e xusto antes de nadal puxen en práctica esta ideíña con pasadores do pelo que vedes nas fotos.

Para facelos, só se precisa arxila polimérica (como Fimo), pasadores de moño, pinturas acrílicas, pinceis e verniz. Bueno, e algo de maña, que as figuras son pequeniñas.



A arxila, unha vez abrandada, é moi fácil de manexar, coma plastilina. Hai que ter coidadiño de poñer o pasador a través para que agarre ben nun momento no que non poñamos en perigo a forma que queremos. Por exemplo, eu puxen o pasador do home de neve ao facer a primeira das bólas.

Unha vez modelados, xa podemos metelos no forno (o normal, pero nunca o microondas),  seguindo as instrucións do paquete de arxila, sobre un papel de aluminio a uns 110ºC-130ºC entre 20 e 30 minutos (depende do tamaño das figuras). Unha vez feitas, deixámolas repousar. Eu esperei ao día seguinte para pintalas, pero con que enfríen é abondo.

Con pintura acrílica e os pinceis dos tamaños axeitados segundo o detalle que vaiamos facer, podemos pintalos. Poida que fagan falta varias capas da primeira cor para que quede ben opaca. O bon do acrílico é que unha vez seco podemos corrixir calquera erro ou pintura por fóra que haxa. Cando a pintura acrílica estea ben seca, podemos vernizar as pezas. Eu empreguei un verniz cerámico que me recomendaron nunha tenda especializada e un pincel groso. O pincel hai que lavalo con alcool e non con auga, a risco de acabarmos cun pau algo caro :D.

Que vos parecen? Animádesvos? Se queredes máis pistas sobre como facelas non dubidedes en preguntar nos comentarios.

Ningún comentario

Cóntame!