París: Día 3

Vistes xa que fixemos o primeiro día e o segundo? Non queredes ideas? Vede logo!

Aquí xa imos pola terceira xornada de pateo e esta comeza nas illas do Sena: Île de la Cité e Île Saint Louis. Molan. Punto. Que non mola? As colas. E en Notre Dame, igrexa gótica que non hai que deixar de ver, aínda que sexa por fóra, había cola para repartir.

Notre Dame (un lateral, para variar do habitual) - Foto Sabela González
 
Había unha cola modo disneylandia para entrar ver a catedral por dentro. Había unha cola modo portaventura para subir á torre. E si, a torre e a balconada están xenial, hai que velo, coas gárgolas oteando a cidade nunha preciosa panorámica, pero dúas horas de cola (mínimo!) nós non as facemos por nada, sentíndoo moito.

Así que tiramos a pasear polas illas, encantounos a pequena, St. Louis, curriña e acolledora, e dela cruzamos ao sur para ir ver o Quartier Latin, o barrio latino.


Unha tendiña en St. Louis - Foto AST
 
Nesa zona do río hai o que chaman "les bouquinistes", uns postos con libros antigos e cousas algo curiosas. Xantamos no Quartier Latin e visitamos a zona, que non hai nada mellor que pasear e vivir as cidades, a cal contén os Xardíns de Luxemburgo.

Nenos xogando nunha fonte dos Xardíns de Luxemburgo - Foto Sabela González
 
Aí non se pode faltar. Son preciosos, inmensos e tivemos a sorte de que había unha big band de jazz dando un concerto. Unha pasada. Recoñézovos que París ten moito que envidiar a Berlín, pero ten o seu encanto tamén, que carallo. Volvimos intentar visitar Notre Dame, sen sorte, así que decidimos ir á Sainte Chapelle, con menos cola e cunhas vidrieiras que flipas. Así, flipas.

As vidrieiras da Sainte Chapelle - Foto AST
 
Foi este o día no que, despois de tomar algo, volver ao hotel e descansar, fumos ver a Place du Tertre, que nos encantou, e culminamos descubrindo unha pizzería xenial preto do hotel. Ñam!
 
París ultraxado, París roto, París martirizado, pero París liberado - Foto Sabela González

2 comentarios

  1. Respostas
    1. Genial, pero la verdad es que Berlín le gana a París!
      Tengo una sorpresita con imágenes robadas de Décalage, ya verás, ya, vas ser la causa de mi resurgimiento creativo! Bicasos!

      Eliminar

Cóntame!