Ilustración para a Dot:72 + Ilustradots Vol. 2


Mesmo se aínda lle faltan uns días para saír á rúa, tráiovos hoxe a ilustración e o poema para a Dot:72 e así aproveito para vos falar do proxecto Ilustradots Vol. 2.

O proxecto, que vén de presentarse na Miic (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea) en Santiago, segue a iniciativa do seu primeiro volume, unha recopilación de ilustradores e ilustradoras galegos, cun anaco da súa historia e moitas ilustracións coas que disfrutar. 

Neste segundo volume, chan-ta-ta-chaaaan, participo eu! Ademais, claro está, dun bo feixe de artistas galegos que merece moito a pena coñecer.

 Podedes apoiar o proxecto neste enlace e, ao facelo, podedes tamén levar unha ilustración e/ou unha bolsa ilustrada. Apurade, que só quedan uns días!

Falando de ilustracións, a que vedes nesta entrada vai para a Dot:72 e vai acompañada do poema que titulei O máis difícil:

É máis sinxelo escribir de corazóns rotos ca de corazóns inteiros.
Escribir de cerebros e páncreas, de riles e de pulmóns, debe de ser o máis difícil.
Pero eu lévote aí,
en todos os órganos,
filtrándome o sangue en cañas de verán,
estourándome as neuronas en fogos artificiais,
respirándome pel de pomelo nos bronquiolos máis profundos.
É que eu non te levo no corazón,
que non me dá.
Lévote baixo a pel a todas as viaxes,
lévote nos ósos en todos os momentos.

Mañá lémonos de novo co resultado do sorteo! :)


Ningún comentario

Cóntame!