Foto de Drew Coffman via Flickr |
Comeza a conta atrás para o NaNoWriMo 2015. A semana pasada conteivos que este ano tamén me apunto ao reto, así que hoxe tráiovos algúns consellos e enlaces (e gifs, hehehe), ademais do meu calendario de publicacións do mes de novembro para compartir os avances no reto. Porque novembro vai de escribir. A cholón.
Tal que así*:
Ta-ta-ra-ri-ro-ri-ta-ta |
UNS CONSELLIÑOS
Escribe sen distraccións
Por que non usar un procesador de texto simple e inspirador? Proba Novlr (gratis, online), ou, se queres ir ao pro, aproveita a oferta deste mes de Scrivener, cun 20% de desconto co código NANOWRIMO. (Faleivos de Scrivener aquí, a ferramenta que eu uso para escribir).Queres que os sons te relaxen? Proba a escoitar un tren, unha tormenta, un regato... Por exemplo, con Noisli.
Planifica
Xa sei que dixen que cada un escribe ao seu xeito, pero se non queres terlle medo a un posible bloqueo, fai alomenos unha lista de cousas que queres que acontezan, un breve argumento ou uns garabatos de ideas. Volve a esas notas se te atascas, e sigue!
Tira para diante
Repítome, pero é importante. Uns días escribirás máis que outros. De feito, se te pegas un bo atracón os primeiros días, para os últimos mesmo é posible que poidas relaxarte e non escribir máis que unha ducia de palabras. O importante é que sigas: non te pares a corrixir/revisar o que levas feito, non te preocupes de que o nome da prota sexa unha cacola, se unha parte da historia se bloquea, seguro que hai outra na que traballar... Ti sigue escribindo! Xa revisaremos en decembro...
Mide o teu progreso
E, se o fas ben, dáte un premio. E se o fas mal... xa o farás mellor, dáte un premio igual.Ah, e non esquezas que podes descargar o meu excel para marcarte un obxectivo e contar as palabras escritas aquí. Tamén tes un calendario para o reto en The Write Practice, aquí e outro en Literautas aquí.
Se non tes ideas... |
Escribe con amigos/as
Non o digo en plan orxía mecanográfica. Se coñeces a alguén máis que escriba, falade, compartide, dádevos ánimos, reñídevos por rendirvos... Eu que sei. O importante é que isto vai de algo máis que meter 50.000 palabras nun arquivo, vai de crear e de ilusionarse, vai de compartir desventuras e fortunas. Vai de dármonos unha aperta porque molamos bastante por intentalo. Aínda que sexa unha aperta virtual.
Sigue escribindo o 1 de decembro
Penso que é un dos mellores consellos que lin estes días. Se consegues coller ritmo, se comezas algo que merece a pena, se dás superado o reto, se non o superas... Non pares cando remate o mes. A práctica fai ao mestre, non? Non deixes de aprender e facer.(Si que podes intentalo. Pero cuidao, que impón respeto!)
Por último, déixovos o calendario de publicacións do blog durante este mes de novembro, xa que só vou actualizar cos avances no reto NaNoWriMo**, polo que a entrada semanal non se publicará os mércores como ata agora*** senón nas seguintes datas:
11 de novembro: 10 días de retoBoa escritura!
23 de novembro: 20 días de reto
01 de decembro: 30 días de reto e fin da maratón
O día 9 de decembro volverei coas entradas habituais, cada mércores.
* Esmendrello con este gif. Imaxinade poñer este gif e seguir escribindo a entrada con el á vista. Alégralle o día a unha, eh?
** Non dubides en comentar nestas entradas e compartir os teus propios avances!
*** Como ata agora... cando non me pilla o toro, quero dicir. Ehém.
Ningún comentario
Cóntame!