Imaxe de Pixabay |
Lin nalgures, non lembro onde, que cando creamos un mundo imaxinario as normas que podemos romper son limitadas. Se rompemos con todo, é posible que ao noso público lle custe comprender ese mundo que estamos inventando ou mesmo que non sexamos quen de ser abondo coherentes co que estamos a fabricar (por exemplo, un mundo sen gravidade, con monstros e cun tempo distinto ao noso require cerebro de máis para lle atender ao resto da historia, non si?).
Isto vén sendo porque a realidade, tal e como nos afecta, nos obriga a buscar a súa lóxica. Por iso, se a nosa historia se desenvolve nun mundo diferente, novo, estraño, debemos darlle todas as dimensións e aspectos necesarios para que sexa completo e creíble. E aquí vou contarche como se pode facer.
Ten en conta que a nosa historia e bagaxe nos afectan a como percibimos unha historia, os seus personaxes e o mundo no que se desenvolve. E aféctanlle a todo o mundo: ti tes unha visión, pero o teu público pode ter outra un tanto distinta. Por iso o noso relato debería ofrecer toda a información necesaria para que a imaxe que cree o lector ou lectora na súa cabeza sexa fiel. Dito doutro xeito, non podemos dar por suposto que quen nos le está a entender o mesmo ca nós.
Por iso é importante ter moi claro o noso mundo, para poder transmitilo ben ao noso público.
Cando me puxen a crear o mundo para a miña historia, Landereina, tiña moi clara a imaxe de que tipo de lugar quería que fose, a nivel da natureza, das paisaxes e dos tipos de personaxes (en especial, de que mitoloxías quería beber para crealos). Sen embargo, quixen fuxir do noso tempo e da nosa historia e crear Landereina nunha dimensión distinta. Por desgraza, non todo o mundo o entendeu así. O único que, como escritora, podo facer é deixar o máis claro posible, dentro da historia, que estamos nun mundo distinto, nunha realidade distinta, cunha historia distinta e con todos os elementos que o conforman.
ELEMENTOS PARA A CREACIÓN DUN MUNDO NOVO
Dito doutro xeito, que aspectos do teu mundo debes crear e ter claros para conformar unha dimensión completa e coherente.
TEMA BÁSICO
Landereina é un mundo pseudo-medieval. Inspírase nas historias celtas, nas lendas de cabaleiros, na mitoloxía nórdica e gaélica. Si, no rollito Señor dos Aneis, que o estades pensando. A inclusión de elementos destas mitoloxías e historias previas crea, para min, unha imaxe clara e inconfundible que me facilita a forma de insertar o resto de elementos.
Pregúntate: como vexo o mundo na miña cabeza? A que me recorda? En que se parece ou distingue do noso mundo? É igual que o noso pero noutro tempo ou non ten nada que ver?
Unha vez que saibas isto, podes darlle forma:
XEOGRAFÍA, PAISAXE, CLIMA
A natureza, os tipos de cidades/vilas/poboados, o clima... Todos estes factores van axudarche a crear os teus personaxes, pois crean unha idiosincrasia concreta, moldean o seu carácter.
Pregúntate: que características ten este mundo? Ten natureza? Ten montañas, ríos, mares...? A que se parece? A que non se parece? Que características teñen cada un deles? Que clima ten? Varía o clima segundo transcorre a historia? Se é así, como? Como se ven afectados os personaxes polo seu entorno?
CIDADES E VILAS
Non é o mesmo unha capital do futuro que unha aldeíña pescadora. Intenta ter tan claros os núcleos urbanos coma os puntos rurais. Se o precisas, traza un planiño de rúas ou describe os materiais dos edificios principais.
Pregúntate: como se distribúen os edificios? De que están feitos? Se a miña cidade é grande, como se distinguen os diferentes barrios, rúas, prazas, etc.? Que podemos atopar neste lugar? De que vive a maioría da xente? Como se moven? Como viven?
SOCIEDADE E XENTES*
No punto anterior engadín as preguntas de "como se moven" ou "como viven" as xentes nos núcleos de poboación. Esta pregunta pódela repetir aquí, pero a miña idea neste apartado refírese máis ben aos diferentes tipos de individuos, mentres que no anterior apartado pretendo que penses nos personaxes xa insertados na sociedade, no seu escenario.
No meu caso, eu distribuín diferentes razas e culturas en puntos diferentes do mapa. Conviven entre elas, unhas veces mellor que outras, pero teñen rasgos distintivos de cadanseus orixes. Tamén se comportan de xeitos distintos e teñen culturas e costumes diferentes.
Pregúntate: Que tipos de xentes e criaturas hai neste mundo? Que os diferencia de nós? En que se parecen? Viven mesturados ou separados? Que normas sociais imperan? Como se visten? Que aspecto poden ter? Como conviven?
HISTORIA
Neste sentido, eu traballei en dúas liñas, por así dicilo: por un lado, creei un cronograma e unha árbore xenealóxica para relacionar o tempo coa familia real e os personaxes da historia, por outro, inventei a liña temporal propia dos libros, na que o número que identifica o ano non ten que ver co noso mundo, para ubicar acontecementos e obxectos que doutro xeito serían anacrónicos. Así, inventei eu os conflitos que puidera haber no reino, dinlles libros antes da nosa imprenta, etc.
Pregúntate: En que tempo se move o relato? É real ou non? Como avanza o tempo? En que momento da súa historia se atopan os personaxes? Que eventos importantes (conflitos, conquistas, desastres naturais, etc.) marcan a súa historia? Como lles afectan?
Adícalle uns minutos a pensar cales destes elementos afectan ao que queres contar e prepárate para profundizar nos que consideres importantes.
Penso que este é un bo punto de partida para sentar as bases do teu novo mundo. Toma notas do que se che ocorra, gárdaas, amplíaas, cámbiaas e tenas listas para elaborar esta historia túa ou mesmo para algunha idea futura.
Non che vou mentir, estas cousas levan tempo, pero é un tempo ben aproveitado e del saen máis relatos dos que de primeiras poderías ter pensado.
Pronto compartirei con vós algúns consellos sobre como facer un mapa e espero poder traer en decembro algún descargable co que poñer en práctica estas tácticas. En novembro non. Xa logo vos digo por que ;)
*Non estamos falando aquí dos personaxes, principais ou secundarios, concretos. A estes adicareilles entradas propias, que dan bastante xogo :)
Ningún comentario
Cóntame!