Atopa as túas ferramentas ideais - Planificadores/as

Se xa sabes que a túa metodoloxía de traballo é a dun planificador (se non sabes de que estou falando, bota un ollo aquí), ou se queres organizar mellor a túa forma de traballar, debes saber tamén que hai xente que leva moreas de anos traballando para facerche a vida máis fácil.

A día de hoxe existen centos de aplicacións destinadas á organización, planificación e control do traballo, ademais de ferramentas máis rudimentarias (o papel, ese descoñecido) grazas ás cales unha persoa planificadora pode artellar, describir e esquematizar os contidos do seu cerebro e despois medir o seu rendemento.

Como persoa maioritariamente planificadora que son, vouvos contar un pouco como traballo eu, indo por diante que este é o método que me funciona a min, persoalmente, e non ten por que vos funcionar a vós igual (oi, pero igual sacades algo en claro).



AS MIÑAS FERRAMENTAS

Ides pensar que son unha friki. E faredes ben, pero o certo é que eu o teño asumidísimo.

Cando sento ao ordenador para escribir, as miñas ideas están xa en forma de notas en libretas ou papeis soltos, normalmente, nun atril fronte a min. E entón abro os programiñas...

Un exemplo de pantalla de Scrivener

SCRIVENER: Levo arredor dun ano usando este programa. Úsoo como procesador de texto (e permite escribir a pantalla completa, aleluia!), pero ten moito máis. Aviso de que é un programa de pago, iso si, dun só pagamento (arredor de 36€) ata que queiramos unha actualización, as cales non son obrigatorias. Por que o uso? Porque é a estruturación levada ao extremo. O máis interesante para min é traballar por capítulos aos que se lles poden engadir notas, resumos, arquivos de investigación ou fichas de personaxe, cambiar o estado segundo se revisa, etc. Todo, todo está na mesma pantalla e a só un clic. Ademais, fai copias de seguridade coma un tolo. Botádelle un ollo aos tutoriais (en inglés / en castelán) se credes que vos pode interesar.

Do mesmo estilo (seica, non os probei) vin recomendados os seguintes programas, semellantes a Scrivener pero gratuítos: PageFour,YWriter5, HiveWord (online, sen descarga).

Un exemplo da pantalla principal do Toggl

TOGGL: Como me gusta saber canto tempo traballei (tanto para sentirme ben como para sentirme mal e darme a colleja necesaria), utilizo un time tracker (podemos chamarlle controlador de tempo, pero non sona igual...), en concreto Toggl. Esta ferramenta é moi sinxela e podes tela online e tamén descargada en dispositivo móbil. Abonda con definir a tarefa, asignala, se queremos, a un proxecto e darlle a "Start". Cando rematemos ou fagamos unha pausa, prememos "Stop".

Por que me parece útil? Ademais de que se estás a traballar en distintos proxectos che permite diferenciar o tempo adicado, cunha ferramenta así tamén podemos saber cal é o prezo do noso tempo, canto nos leva, por exemplo, un capítulo con respecto a outro ou darnos conta de que días e en que condicións traballamos máis eficientemente. Ademais, pódense facer informes gráficos da distribución do tempo (e a quen non lle gusta un grafiquiño de cores?).

Outro exemplo de Toggl, neste caso dos informes de actividade

Ah! Seica agora é compatible e vincúlase a Google Calendar (o meu mellor amigo, basicamente), polo que o tempo medido aparecería no noso calendario.

Hai moitos outros time trackers, aquí veñen varias referencias, pero non sei cal é mellor ou peor, só sei que Toggl me parece sinxelo e útil. Si que coñezo RescueTime, unha app que vai máis aló: controla o uso que facemos do noso ordenador ou dispositivo (si, vaiche dicir cando estiveches vendo Facebook no canto de choiar...). A min esta estrésame un pouco porque o tempo que quero medir é só o que adico a escribir ou bloguear, pero ao currar de 8 a 15 hai que estar pendente de activalo e ás veces  o trebello pensa que son unha vaga e estiven medio día offline...

A bandexa principal do meu Drive

GOOGLE DRIVE: Se tes unha conta Google, tes moito máis ca un correo e un calendario. Google Drive é probablemente unha das mellores formas de ter todo en todas partes: documentos de ideas, notas (para estas tamén é interesante Google Keep), mesmo mapas!

O arquivo máis útil que teño en Drive é un de elaboración propia (con certas inspiracións, isto non se nega) no que mido o número de palabras que escribín, o tempo que tardei e no que me poño un obxectivo para que me diga canto me queda por escribir e cantas palabras debería escribir cada día para chegar ao obxectivo. Póñovos un pantallazo de exemplo:

Exemplo de táboa de produtividade

Este é un exemplo cun obxectivo de 50.000 palabras (unhas 200 páxinas a dobre espazo) para o 30/09/15. As fórmulas da táboa permiten saber en que día está e cantos quedan ata a data obxectivo, polo que calcula cantas palabras debería escribir ao día para chegar ás 50.000 palabras. Pódenselle definir días de vacacións, días de traballo semanal, etc. Penso que vos pode ser un descargable útil, así que xa volverei a el.

Con estas cousas, abro o dicionario, evito FacebookTwitterFeedlyPinterest, e póñome a escribir!
Por certo, e cando necesito sons relaxantes (é dicir, non acabar cantando) escoito unha tormenta. Tedes permiso para rir :)


Hai moitas outras posibilidades e a rede está chea de programiñas, aplicacións e consellos. Por exemplo, moitos autores/as planificadores/as empregan tamén fichas de argumento, de personaxes, etc. pero destas xa vos falarei máis adiante (e valen para todo o mundo, non só maniáticos planificadores).

Que está case todo en inglés? Xa o sei, xa: é moito máis sinxelo atopar información e ferramentas neste idioma. Pero aquí tamén as temos ben xeitosas! Por exemplo o Story Planner de Literautas.

En papel tamén vos pode interesar o método de acción, e o Action Book ten os ocos pero o idioma poñédelo vós!


Que pensades destas ferramentas?
Coñecedes e/ou usades algunha outra ferramenta de planificación ou control? 
Contádeme!


E se sodes máis de improvisar, a semana que vén fálovos dalgunhas ferramentas para vós.


Ningún comentario

Cóntame!