NaNoWriMo 2015

Banner oficial do NaNoWriMo 2015

O ano pasado apunteime ao NaNoWriMo. Descubrino pouco antes e pareceume unha forma xenial para darlle caña a unha idea nova que tiña (e que segue aí, latente, creando notas e máis notas pero sen respirar aínda no papel).

Este ano, volvo apuntarme


[E ti? Queres escribir unha novela nun mes? Sigue lendo!]

Se  xa sabes o que é NaNoWriMo, salta o parágrafo seguinte sen medo. Se non o sabes, agora che conto un pouco:

NaNoWriMo é a abreviatura de National Novel Writing Month, ou o que é o mesmo, o Mes Nacional  [sic] de Escritura de Novela. A cousa non ten máis misterio que animar a escribir. A idea é chegar a escribir unha novela de 50.000 palabras nun mes. E non son poucas, nin moito menos! Son practicamente unha novela completa.Aquí tes máis información (en castelán) da páxina oficial sobre de que vai esta iniciativa. (E se escribes, pero non novelas, mira o que conta aquí Anxo, de Canal Nostalgia: podes ser un/unha NaNoRebel)

Está comprobadísimo (aínda que non por min, eh) que escribir todos os días axuda a mellorar a nosa escritura, a coller hábito e a facilitar a creación. Se non me cres a min, le a reflexión de Gabriella Campbell sobre o NaNoWriMo aquí e logo volve e seguimos.

Xa? Si?

Claro que coller ese hábito non é fácil, pero tan só intentalo xa significa que estamos facendo máis do que fariamos se non o intentásemos, ou?

Eu vou intentalo. O certo é que dubido que consiga chegar ás 50.000 palabras, pero penso que as 30.000 poden estar aí, son posibles. E fanme moita, moita falta.
Iso si, eu non vou comezar unha novela nova, senón que vou poñer todos os meus esforzos en darlle un bo arreón á terceira parte de As Crónicas de Landereina: Sangue de Lúa. 
Primeiro pensei que isto era trampa, pero seica non o é (yupiii!). Hei contar as palabras novas coma se fosen un novo proxecto, pero en realidade serán palabras a sumar ao que xa levo traballado do meu seguinte libro.

Ti podes comezar algo novo, ou coller unha idea vella, ou ver que vai saíndo ao ir dándolle ás teclas. Pero non dubides que pode ser toda unha experiencia.

Apúntaste?
Podes unirte ao evento de Facebook, fardar de reto poñendo a imaxe oficial, e, unha vez que teñas un perfil, non dubides en buscarme e engadirme como "compi" de escritura.

A semana que vén comeza conta atrás, así que compartirei algún enlace de utilidade e, cómo non, dareivos ánimos.

E, claro, en novembro, a poñerse a escribir a saco!

Ningún comentario

Cóntame!