![]() |
Banner oficial NaNoWriMo 2015 |
Xa van aló 10 días, case 11 do reto NaNoWriMo e, como vos dixera, vou compartir os meus avances. Se é que se lles pode chamar así...
[Editado: Engadín unha nova imaxe estatística (vid infra) porque estaba poñendo os datos diarios mal, cada día hai que poñer o total acumulado, non o escrito ese día.]
Acabei o mes de outubro facendo notas para non pararme moito unha vez comezado o reto, reorganicei os capítulos e partes en Scrivener e collín aire. E logo saín, fun de cea, descansei, tiven o luns libre no traballo e non a rasquei e o martes tiven que encargarme de cousas para a asociación da que son secretaria.
Unha recua de excusas para comezar a escribir o día 4, o máis produtivo ata agora grazas a unha viaxe, ida e volta, en tren a unha reunión. Vai resultar que teño que subir e baixar Galicia en tren para funcionar, recoira.
En total, levo acumuladas unhas 4.620 palabras. Falando en prata, merda e media.
Estou usando o meu excel de cómputo para ir actualizando o escrito día por día:
Cada certos días, introduzo as cantidades por día para a estatística que dá o perfil de NaNoWriMo e a cousa queda así de triste:
![]() |
Datos diarios |
![]() |
Datos de acumulado diario, gráfica correcta :) |
De todos os xeitos, a situación non é tan negra como poida parecer. Hai xente que rematou o reto nuns poucos días (true story) e aínda me quedan 20 para poñerme as pilas ao xeito. Por outra banda, estoume vendo máis solta, tirando para diante (xa se revisará!) e avanzando en cousas que pensei que me levarían un esforzo sobrehumano.
Ademais, xusto nun día de dúbidas existenciais, lin esta nova reseña do meu Feitizo de Sangue e deume un montón de ánimos. Polas cousas boas, que fan moita ilusión, e tamén polas cousas que di que son mellorables. Eu tamén sei que o son e, xusto coa parte na que me atopaba traballando, comezaba a dubidar da súa utilidade e outras cousas. E si que é útil. Si que vou ben. Só hai que traballalo e enfialo todo como ten que ser. Así que grazas, de novo, Libros Lectureka :)
En resumo:
- Vou de cu
- Pero vou
- Irei mellor
- Sigo con ánimos cara a diante.
E vós? Ides ben ou rendístesvos? Non esquezades pasar polo grupo de Facebook NaNoWriMo Spain, a xente anda a compartir os seus avances, penurias e ideas, pódevos ser interesante.
Seguimos!
Ningún comentario
Cóntame!