Artigo de opinión no Sermos Galiza


No Sermos Galiza en papel, publicado onte, podedes atopar esta reflexión miña. Porque, ás veces, mesmo reflexiono.

Todo, todo
Ultimamente sinto que leo demasiado pouco. Sei que o meu pouco é o moito de alguén. Tamén sei que ás veces as miñas lecturas son consideradas refugallos inmundos para quen se vangloria da súa cultura. E sei que, outras veces, son consideradas ladrillos infumables para quen fuxe da marca maléfica que seica deixa a cultura no pobo chan.
Porque seica, iso teño entendido, hai cousas que é mellor non sabelas. Hai historias que é mellor agochar. Hai libros que é mellor non ler. Hai linguas que é mellor non saber.
Coma se ler unha comedia romántica fixese arder unha tirada de Cantares Gallegos. Coma se ler en galego eliminase a capacidade de ler en inglés.
Eu sonlles persoa optimista e tendo a esperar que os que din estas cousas, os imbéciles e escuros, perdan a partida. Sonlles, xa que logo, tamén, persoa ferida.
Pero aínda non me rindo. Négome a lamentarme e négome a sinalar culpables se eu teño o cu parado. Négome a unirme á absurda moda de esixirlle á xente, sobre todo á máis nova, que elixan unha etiqueta coa que comungar e dende a que negar todas as demais opcións.
Prefiro sacar peito con disimulo e seguir co meu infantil optimismo, co discurso que espero que algún día penetre na cortiza cerebral popular, para que vexan que é mellor saber de todo e de calquera cousa, que as historias veñen en todos os formatos, que é mellor ler refugallo que non ler nada e que é mellor saber todas as linguas que lle collan a unha na cabeza. E, por suposto, que ningunha sobra.

Ningún comentario

Cóntame!