No Sermos Galiza en papel, publicado onte, podedes atopar esta reflexión miña. Porque, ás veces, mesmo reflexiono.
Todo, todo
Ultimamente sinto que leo
demasiado pouco. Sei que o meu pouco é o moito de alguén. Tamén sei que ás
veces as miñas lecturas son consideradas refugallos inmundos para quen se vangloria
da súa cultura. E sei que, outras veces, son consideradas ladrillos infumables
para quen fuxe da marca maléfica que seica deixa a cultura no pobo chan.
Porque seica, iso teño entendido,
hai cousas que é mellor non sabelas. Hai historias que é mellor agochar. Hai
libros que é mellor non ler. Hai linguas que é mellor non saber.

