O do vicio cos libros é un problemón.
Logo dicimos da xente con moita roupa no armario ou con centos de pares de zapatos pero, se che gusta ler, bota un ollo á túa casa e pensa se non te estarás pasando con tanto libro.
Non?
Xap. Eu tampouco.
Ben que me presta descubrir cousas novas, especialmente eses libros que son pequenas xoias.
O outro día chegoume o meu último pedido de The Book Depository (vicio online, logo non entro nas librarías para non "caer", ha!) e quería contarvos as marabillas que encargara nel:
- Eric, de Shaun Tan (non sae na foto)
Sinto debilidade por este ilustrador dende que o Fraco me regalara Emigrantes.
Este é unha historia curta, nun libro pequecho, pequecho, con moita tenrura. - The Lost Thing, (si, tamén) de Shaun Tan
Un álbum cunha edición preciosa: xa non é que as ilustracións molen, é que as páxinas están maquetadas coma se lesemos un álbum de recortes. Unha historia tamén moi linda, sobre unha cousa perdida á lle hai que buscar o seu lugar. - Lost and Found, de Oliver Jeffers
Non atopo referencia á tradución... Terá que valervos :) Un conto infantil dunha aventura cun pingüino. Non creo que haxa nada que engadir... Precioso! - The Tiny Book of Tiny Stories, de HitRecord
Feito de maneira colaborativa coas aportacións de participantes en HitRecord (iniciativa da que vos falei, hai tempo, aquí), este é un libriño con moitas historias mínimas acompañadas dunha ilustración. Este é o primeiro, pero xa van polo 3º. - The Sleeper and the Spindle, de Neil Gaiman, ilustrado por Chris Riddell
Ou a razón pola que fixen o pedido. Xa sei que dou a caca co Neil Gaiman este, pero é que este libro é unha xoia absoluta, alén de quen o escribira. A edición é formidable, con debuxos a tinta negra e unha tinta dourada, a capa é translúcida e a historia... en fin, é a historia da bela durminte cun xiro, seica (este aínda o teño a medias).
Á parte destas novas adicións aos meus estantes, estiven lendo La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Joël Dicker, do que taaaanto se falou. Papeino en pouco máis de dous días (sen morrer de fame nin deixar de sociabilizar... moito) e, nese sentido, paréceme que está ben: entretén e apetece non parar de lelo, non lle pido máis a certas lecturas. Pero teño que admitir que me deixou un pouco rosmona: algún dos personaxes centrais fíxoseme insulso, pouco traballado, e, cando supostamente había que simpatizar con eles e coa súa historia, o certo é que eu lles quería ben pouco.
Lístelo? Que vos pareceu?
P.S.- Por certo! Non esquezo o meu reto deste mes! Actualizareivos pronto, así que vou traballar para ter cousas boas que contarvos. He, he.
Pois eu estou lendo poesía feita aquí: "As cervicais da memoria" de Olalla Cociña e "Dun lago escuro" de Marta Dacosta.
ResponderEliminarMoi boa elección! Eu teño que retomar a miña relación coa poesía, a dicir verdade: hai moito tempo que nin nos escribimos nin nos lemos.
EliminarApertas!