NaNoWriMo >> Día 20 >> Leccións aprendidas


 Van 20 días de NaNoWriMo e a que subscribe debe de ir á cola da carreira. Mentres escribo estas liñas, o meu cómputo de palabras é de 5.692. Psé. Pero é algo.



Velaquí para o que me está valendo "perder" unha carreira coma esta:

  • Poido explorar un novo proxecto que tiña en mente dende hai máis dun ano.
  • Aprendo a tirar para adiante aínda que saiba que moito do que escribo non é, nin moito menos, unha versión final.
  • Atopo novos personaxes e as súas historias porque algo teño que escribir.
  • Aprendo a medir o meu tempo e esforzo cos seus resultados.
  • Xa sei para canto dá unha hora. E xa sei cantas perdo fuxindo da folla en branco...
Xa o di a cita que vos puxen aí arriba:
Faise así: sentas fronte ao teclado e pos unha palabra detrás da outra ata que rematas. É así de sinxelo, e así de complicado.
 E logo, cando rematas, relés, editas, borras, refás. E volta empezar.

Escribir 50.000 palabras nun mes é unha maratón, e se cadra eu aínda non cualifiquei ben nos 10k, se cadra nin sequera nos 5k. Pero estou aprendendo a "correr". E non penso parar.

Mentres tanto, ademais, fun dándolle a outros proxectos que pronto vos amosarei.
Que non todo vai ser teclear.

Ningún comentario

Cóntame!