Retos de novembro


Coma se tivese poucas cousas sobre a mesa (metaforicamente, claro, a miña mesa dá boa fe das miñas manías), apunteime a un reto para o mes de novembro.

A lista de cousas que teño que facer non me parece menosprezable, pero cando me enterei da existencia do NaNoWriMo non puiden evitar lanzarme.



A iniciativa vén de alén do océano e o que propón é escribir unha novela durante o mes de novembro. Unha novela enteira, dunhas 50.000 palabras (unhas 200 páxinas). Non unha novela boa, senón unha enteira. O caso é tirar para diante, poñerse o reto de rematar e escribir e escribir, sen o medo á páxina en branco, nin o medo aos erros, ás incoherencias ou ao que sexa.

Nesta páxina hai información sobre como funciona (e está dispoñible en castelán). Tamén falan del en Biosbardia e noutros blogs.

Eu apunteime hai uns días e cubrín un perfil, no que hai que crear unha novela (ou inventar algo para logo facer outra cousa, claro está), co seu título e mesmo unha portada de mentirijilla, se se quere. Eu quero tirar dunha idea á que levo tempo dándolle voltas, a saber que pode saír de aí...

Botádelle un ollo e animádevos! E se vos apuntades, non dubidedes en avisarme ou engadirme como "compi", podemos darnos ánimos mutuamente! :)

Velaí o novo reto para novembro. Apúntoo á lista canda o que eu chamo SDL (o último volume das Crónicas!), este bloguiño, ilustracións pendentes... e poñerse un pouco en forma, que falta fai.

Boa finde e bo Samaín!

Ningún comentario

Cóntame!