Un ano sen propósitos

Foto de Pixabay

Un ano sen propósitos non significa un ano de despropósitos. Ou iso espero.

Os dous últimos anos publiquei os meus propósitos de aninovo. Os de 2015, cómpre dicilo, eran abondo ambiciosos.

En resumo, quería escribir 2 libros e escribín 3/4, lin 9 no canto de 10, non fixen tantos debuxos como me tería gustado, non fixen un triste álbum de fotos, non aprendín a facer todo o que quería e no do deporte mellor non entro...

Pero sei que fixen moitas cousas, mesmo se é difícil medilas en listas. 

Por iso, este ano que vén de entrar non quero encher a axenda de deberes, non quero contar as veces ou as horas que fago algo, agobiada por que o cómputo final alcance o obxectivo previsto. Coido que coñecerse a unha mesma (limitacións e capacidades, erros e acertos) é algo moi necesario nesta vida e, sendo fiel ao que sei de min, sei que teño que evitar agobiarme. E poñerme metas inacadables agóbiame. 

Non hai metas inacadables para 2016. Só hai ganas de facer, crear e avanzar. De adicarlle canto máis tempo mellor aos meus soños e aos meus seres queridos e a min mesma. Se cadra, non hai nada máis importante ca iso.

Sigo, pois, a liña daquel propósito de 2014: facer cousas. E engado: facer cousas que me fagan feliz. 

Este blog faime feliz. Escribir faime feliz e debuxar faime feliz. Estar cos meus faime feliz e estar no sofá acurrunchada co Flaco nun domingo de choiva faime inmensamente feliz.

Velaí o único propósito que merece a pena. Sede felices, por favor.

Ningún comentario

Cóntame!