Plotter versus Pantser


Imaxe de Pinterest - Amy Rodchester
O ano pasado, cando me apuntei  (infrutuosamente) ao reto NaNoWriMo, descubrín dous termos que descoñecía, aplicables aos escritores: plotter e pantser. Na literatura internetil que fun papando, movida pola curiosidade, non atopei moita tradución destes adxectivos e, como me parece que tratan de algo moi interesante, vou intentar traelos á nosa terra.

Plotter vén de plot, argumento ou trama, e chámaselle así á persoa que planifica e artella as estruturas antes de escribir (wordreference só nos di que se trata dunha persoa conspiradora, pero xa sabemos que o contexto o é todo). Ocórreseme chamarlle a esta xente planificadores/as.

Pantser ten a súa orixe na palabra pants, "pantalóns", máis concretamente nunha expresión que vén referirse a sentar e poñerse a algo, sen prepararse. Chámaselle así a quen senta escribir sen facer un plan previo do que vai parir coas teclas. A tradución deste termo ten máis miga, pero, por dicir algo, vou chamarlles improvisadores/as.

Entendido, non? Sinxelo, verdade?

Pero entón... cal é a mellor estratexia? Planificar ou improvisar?



Se lle preguntades a 100 autores/as sobre como traballan para daren escrito as súas novelas, é moi posible que acabedes con 100 respostas distintas. Algúns famosísimos teñen mesmo a ousadía de dar consellos coma se fosen universais, pero rara vez o son.

Poderiamos encher libros con teorías sobre a resposta e non chegariamos a ningunha conclusión. Porque o certo é que o importante non é saber que estratexia é a mellor, senón saber con cal se identifica máis a nosa metodoloxía de traballo.

Se sabemos que método de traballo nos é máis cómodo, saberemos que ferramentas nos poden ser máis útiles. Unha persoa improvisadora non lle ha sacar rendemento a unha aplicación de control do tempo, pero unha planificadora si, igual que unha planificadora podería tolear cos métodos de ideas baseados nun taboleiro desordeado que unha improvisadora sabería aproveitar mellor.

Cómpre non esquecer, de todos xeitos, que ser improvisador/a non significa non revisar o traballo escrito. Ao igual que unha persoa planificadora a cotío deixará cabos soltos no seu argumento, mesmo se a liña xeral da novela está clara.
Entón, ti que serías? Planificador/a ou improvisador/a?
Por exemplo, eu adoito trazar o plan do que vou escribir. Por medio de notas ou garabatos intento atopar o fío argumental e os pasos principais da trama. Ás veces, isto pasa de esquema a unha páxina de texto denso na que non é estraño atopar expresións que de literatura non teñen nada. Que os protagonistas son sorprendidos por algo que non esperaban? Nas miñas notas porá "veno e flipan". Sonvos eu así. A partir de aí, esquematizo os capítulos, normalmente, segundo me vou enfrontar a eles. Se non teño o día moi palabreiro, póñome a trazar a estrutura dos seguintes. Así, estirando e ampliando as notas da trama, fáiseme máis sinxelo escribir a historia, coma se realmente estivese enchendo os ocos da acción. Ás veces, de todos xeitos, hai que tirar para adiante mesmo se hai algo que non está claro. Sempre será mellor probar e logo volver a revisalo que quedar parados ata que nos entre o pánico. Porque, non o esquezades, as musas téñenvos que pillar co cu na silla e currando.

Non tes claro cal é a túa forma ideal de traballar? Pronto che conto máis, para que o descubras.

Ningún comentario

Cóntame!