Atopa as túas ferramentas ideais - Improvisadores/as


A semana pasada dinvos algunhas ideas de ferramentas útiles para planificadores. Obviamente, hoxe tócalle o turno aos improvisadores.



Pódovos adiantar que aquí teño algo menos que aportar, xa non só porque eu sexa máis de planificar, senón porque a propia esencia de improvisar supón que non fan falta mil apetrechos para crear, non si?

Con todo, unha persoa improvisadora pode beneficiarse de ferramentas que faciliten a toma de notas, que axuden a loitar contra a procrastinación, que eviten os bloqueos...

FERRAMENTAS PARA IMPROVISAR

O primeiro e o máis importante para escribir é, por suposto, poñerse. E iso, moitas veces, costa.
Está internet chea de consellos contra a procrastinación (moitos e moi interesantes, aquí!) e a maioría deles, se non todos, pasan por recomendar comezar coa nosa tarefa e adicarlle uns minutos, aínda que só sexan uns poucos, de exclusiva concentración.

Pode soar parvo, por simple, pero o certo é que o noso cerebro tende a ver como un reto fácil eses primeiros 15 ou 25 minutos e ponse sen tanta pereza á tarefa pendente, pensando, iluso, que cando remate ese tempiño terá unha recompensa en forma de descanso. Sen embargo, se o probades, veredes que nese anaco a nosa adicación á tarefa comeza a dar froitos, a ser gratificante e acadamos unha concentración que, normalmente, non quereremos abandonar.

E hai ferramentas para isto? Hainas, e algunhas moi molonas.

Via Google Images

PARA DAR TEMPO A CONCENTRARSE: Estas ferramentas baséanse na chamada técnica Pomodoro, que non é máis que esa premisa básica de traballar en pequenos anacos de tempo, facendo mini-descansiños. Para axudarnos, hai trebellos coma estes:

  • TOMATO-TIMER: Pois iso, un temporizador sinxelo.
  • MARINARA TIMER: Este temporizador permite usar o tempo estándar dos Pomodoro ou establecer nós unha duración. O tempo márcase na pestana do explorador, así que non tedes escapatoria.
  • POMOTODO: Outro, neste caso, unha app [Android] [Apple], que combina tamén listas de tarefas.
O Toggl, aplicación para dispositivo e tamén online da que xa vos falei, pode usarse para establecer tempos de concentración, pero será cousa vosa paralo, xa que non avisa ao pasar un certo número de minutos.

Outro descubrimento (eu, polo menos, descubrino hai uns días) é esta aplicación para Android (aquí en iTunes, pero de pago), Forest: o tempo márcao unha árbore, que vai medrando e, se argallamos no móbil antes de que pase ese tempo, a árbore morre. Se aguantamos, a árbore pasa a formar parte do noso bosque. Tamén vale para curar a adicción ao móbil, supoño :)    


PARA CREAR E CREAR SEN FOLLA DE RUTA: Podes abrir a túa ferramenta de traballo, sexa unha libreta ou un procesador de textos sinxelo, ou  meter un folio na máquina de escribir porque eres o máis vintage que hai no mundo. O caso, para ti, como improvisador/a, é tirar para adiante. Unha aplicación que che pode axudar é Novlr. Novlr aínda está en fase de probas, pero é abondo sinxela e útil: o teu traballo estará online onde vaias e poderás traballar nunha pantalla simple e baleira.

A pantalla do Novlr
Claro que, se non es de innovacións, Google Drive tamén che ofrece que o teu traballo estea sempre dispoñible

PARA NON PERDER A CONCENTRACIÓN (QUE TANTO NOS COSTOU CONSEGUIR): Aquí non vou innovar nada, pois todas estas ideas xa as da Gabriella no seu xenial blog, pero existen programas para bloquear todas esas páxinas que nos comen o tempo. Ela fala de Freedom, Leechblock ou StayFocusd, pero existen máis, como o RescueTime do que vos falara na anterior entrada.

PARA EVITAR O TEMIDO BLOQUEO: Vou volver sobre a ferramenta máis básica do mundo, pero non creo que ningún escritor ou escritora vaia a ningún lado sen unha libreta, un caderniño, algo no que apuntar, aínda que sexa unha aplicación de notas no teléfono.

Creo firmemente que os temidos bloqueos, esa falta de ideas e eses sudores fríos fronte á páxina en branco, se poden evitar tendo ideas e notas de apoio, tanto para continuar coa historia na que esteamos como para tirar por novos camiños cando o que tomaramos nos detén en seco.

Para isto son útiles, tamén, os mapas de ideas. Basicamente, anotar todo sen orde nin concerto, para logo unir conceptos, facer frechiñas e darlle sentido.

Os creadores de Scrivener teñen tamén unha ferramenta para isto, Scapple. Non teño nin idea de como vai e é de pago, pero se está a metade de traballado que Scrivener, malo non pode ser. Procurando cousas parecidas, atopei tamén este, XMind, pero, de novo, non teño referencias. E se isto é moi lioso, xa sabedes, un rolo de papel kraft colgado da parede e a tirar pa' diante!


ALGO MÁIS?

Seguramente hai moitas máis cousas útiles. Mesmo para os pouco planificadores, as follas de trama, fichas de personaxes, etc. poden ser útiles. Contar o tempo e palabras (sen estresarse polos resultados) tamén ten a súa aplicación para improvisadores/as.

Que vos parece? Seríanvos útiles? Sabedes dalgunha máis?

Ningún comentario

Cóntame!