Din que un artista ten que ser desordeado para ser creativo, pero, e se a ese artista lle gusta planificar o que vai facer? Entón, seguramente, lle digan que é un planificador.
Faleivos o outro día dos conceptos de planificadores e improvisadores. Se non o listes ide, veña, que non é moi longo. Xa?
Mesmo se parece que falamos de etiquetas (tipoloxías, adxectivos, como queirades chamarlles) que semellan excluíntes, non o son. Podemos ter unha mestura de habilidades e competencias, pero de certo sentirémonos máis identificados (e cómodos/as co noso traballo!) se descubrimos en cal das categorías encaixamos mellor.
ES UNHA PERSOA PLANIFICADORA?
Ás persoas planificadoras encántanlles os libros sobre como escribir, gústalles coñecer a súa historia moi a fondo mesmo antes de escribir o primeiro borrador e tenden a utilizar cantidade de métodos para describir argumento, localizacións, personaxes... e telo todo fiado antes de traballar.
Se te paras a perfilar todos estes detalles antes de escribir, tes unha clara tendencia planificadora.
Isto non significa que non poidas (nin debas) deixar algo de espazo para a improvisación, pero coñecer a túa tendencia axudarache a saber que ferramentas de planificación che poden ser útiles (xa falaremos delas!).
Coidado con: pasar máis tempo pensando que escribindo e con encher a casa con tratados sobre escritura que, sábelo ben, é moi probable que nunca leas.
Aproveita que: as túas historias están despedazadas en notas e esquemas, serache moi útil para resumir o teu traballo, volver a detalles pasados sen ter que ler todo o libro ou para saber onde engadir algo novo sen te perder.
ES UNHA PERSOA IMPROVISADORA?
Ás improvisadoras gústalles sentar sen folla de ruta, especialmente, para soprenderse co resultado do que fan. É posible que mesmo non saiban como se van chamar as personaxes do libro mesmo despois de acabar o primeiro borrador. As súas historias poden comezar sendo unha cousa e acabar sendo outra moi distinta, mesmo cambiando de xénero.
Se non queres nin oír falar de fichas de personaxes e esquemas de argumento, o teu traballo é claramente o dunha persoa improvisadora.
Claro que tamén podes tomar un par de notas para evitar o bloqueo: iso non te convirte nunha
Coidado con: as incoherencias do texto (hai que revisar, mesmo se non che gusta) e cos bloqueos de ideas, que poden ser máis habituais que para quen planifica.
Aproveita que: ir descubrindo a historia segundo avanzas pode non só sorprenderte a ti, senón aos teus lectores; ademais, nada che impide explorar técnicas non compartimentalizadas ou cambiar o final catro veces!
Lembra, coñecerte a ti mesma/o só pode axudarche a empregar mellor o teu tempo e os teus esforzos, pero non te resignes a unha etiqueta: experimenta e sae da túa zona de confort.
- Se es máis de improvisar e probas a planificar, podes evitar bloquearte. Proba a facelo cando te atasques!
- Se prefires telo todo atado, proba unha situación inesperada e improvisa: podes atopar vías e historias nas que non pensaras!
Proba! E escribe, claro.
Ningún comentario
Cóntame!