Hoxe actualicei a miña lista de lectura en Shelfari. Veño de rematar American Gods, de Neil Gaiman, e é destes libros que queres recomendar ao mundo.
Non só o libro: o maldito Gaiman tenme engaiolada. Non lembro ben como o descubrín, pero polo que lin sobre el, parecía que me gustaría. Botei a manta á cabeza e merquei Neverwhere, The Graveyard Book e Coraline. E papeinos. E envexei o que debe de ocorrer na cabeza deste señor, que debe de ser coma o que pasa na miña cabeza cando teño o tempo de imaxinar, pero multiplicado por mil.
Así que, nas vacacións en Inglaterra, nas librarías que vistamos (mesmo fumos a unha libraría que era á vez tenda de sombreiros!), buscaba American Gods coma unha tola. Pero non aparecía.
Atopei, iso si, unha bolsa molonísima.
Non foi ata o último día en Oxford, cando me rendín e fun a un Waterstone's no canto de a unha libraría pequena (eu sonvos de libraría... e de The Book Depository, ehem). Había unha estantería enorme toda, todiña de Neil Gaiman. Pa' morrer. O que non había era sitio na maleta e ese libriño que vedes ten máis de 600 páxinas. Volvimos coas maletas a estoupar, pero saín de alí con el. E co outro libro que o acompaña (non sei se contar o Harry Potter en latín e o que levara para ler na viaxe, hehe).
Ese outro libro, o de Ali Shaw, ten unha pinta marabillosa (e mola mercalo en Oxford, a cidade na que vive o autor), pero agora mesmiño vai ter que agardar, xa que teño outras (de máis) cousas pendentes. Pero eu cóntovolo, porque o primeiro libro de Ali Shaw, The girl with glass feet (A nena con pés de cristal) é un libro que hai que ler. A min recomendoumo Ledicia Costas e xuraría que é das mellores recomendacións que nunca recibín. Palabra.
E xa que vos falo de Ledicia, aproveito para lembrarvos que este venres presenta o seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta, en Vigo. E tamén, como non, ten unha pinta marabillosa.
E vós que estades lendo?
:*
Ningún comentario
Cóntame!